A Casa de Galicia en Madrid presenta a obra "Unha historia de superación", de Marisol Bravos
Madrid, 15 de xuño de 2026
A Casa de Galicia en Madrid acolleu esta tarde a presentación do libro Unha historia de superación, de Marisol Bravos, unha obra que conta coa colaboración da Xunta de Galicia e na que a autora comparte a súa experiencia vital, marcada pola poliomielite e pola súa loita constante por superar as barreiras físicas e sociais que durante anos condicionaron a vida de moitas persoas con discapacidade
Durante a súa intervención, o director da Casa de Galicia en Madrid, Luis E. Ramos, puxo en valor o carácter inspirador da obra e destacou a capacidade de Marisol Bravos para transformar unha historia persoal de dificultades e esforzo nunha mensaxe de esperanza e compromiso social. Así mesmo, subliñou os avances acadados nas últimas décadas en materia de inclusión e accesibilidade, lembrando que moitas das barreiras máis difíciles de superar non eran físicas, senón consecuencia dos prexuízos e das limitacións impostas pola sociedade. Neste contexto, salientou tamén a importancia de seguir construíndo espazos accesibles e igualitarios que garantan a plena participación de todas as persoas.