Aneiros destaca o traballo do Club Triatlón Ferrol na presentación do Campionato Xunta de Galicia de menores

Deportistas das categorías benxamín, alevín, infantil e cadete, daranse cita nesta proba que terá lugar o próximo 4 de xullo no entorno do peirao de Curuxeiras

A delegada territorial destacou o gran momento que atravesa o deporte galego, que ten “máis participación, máis licenzas e máis presenza na vida da xente”

Ferrol, 16 de xuño de 2026

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou esta mañá na presentación do Campionato Xunta de Galicia de tríatlon de menores, que se dirimirá o próximo 4 de xullo no entorno do peirao de Curuxeiras. No acto tamén estiveron presentes o presidente do Triatlón Ferrol, Cali Formoso, o concelleiro de Deporte de Ferrol, Ricardo Aldrey, e o presidente da Federación Galega de Tríatlon (Fegatri), Javier Campos.

Na súa intervención, Aneiros destacou o traballo levado a cabo polo club organizador, o Triatlón Ferrol, “non só organizando competicións, senón tamén formando deportistas desde as idades máis temperás”, asegurando tamén que é esa canteira o que lle da forza e futuro á entidade.

Prevese que serán uns 350 deportistas das categorías benxamín, alevín, infantil e cadete os que se darán cita neste campionato galego que tamén albergará o Acuatlón Popular Pho3nix Kids, unha proba non competitiva para dar cabida a todos os menores que non poidan participar no triatlón. O prazo de inscripción está aberto desde hoxe ata o día 30 de xuño.

A delegada territorial destacou o gran momento que atravesa o deporte galego, que conta con “máis participación, máis licenzas e máis presenza na vida da xente”, algo que, sinalou, “é froito do traballo dos clubs, das federacións, das familias, dos adestradores e tamén do apoio das administracións, que temos que seguir reforzando o deporte como unha prioridade”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/06/2026