Medio Rural lanza a aplicación móbil ALume, para que a cidadanía alerte de incendios forestais e favorecer a detección temperá

Esta app está dispoñible xa para descarga, tanto para o sistema operativo Android como para iOS

Anunciouno hoxe a conselleira do Medio Rural nun almorzo informativo con medios de comunicación, aos que se lles explicou de xeito detallado o seu funcionamento

ALume conta cunha interface moi intuitiva e ofrece posibilidade de enviar a localización exacta do lume, ademais de poder xuntar imaxes capturadas polo alertante, gravacións de son ou achegar observacións

A posta en marcha desta aplicación é unha das novidades tecnolóxicas incluídas na actualización do Pladiga 2026 e, tal e como estaba previsto, está plenamente operativa antes do inicio da campaña de alto risco

Outra destas novidades é a incorporación da Intelixencia Artificial ao sistema interno de xestión de incendios

Santiago de Compostela, 16 de xuño de 2026

A aplicación móbil ALume, deseñada para que a cidadanía poida alertar dun xeito áxil e sinxelo de incendios forestais e favorecer a detección temperá, está xa dispoñible para descarga, tanto para sistema operativo Android como para iOS. Anunciouno hoxe a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, nun almorzo informativo con medios de comunicación, no que estivo acompañada polo director xeral de Defensa do Monte, Manuel Francisco; aos que se lles explicou de xeito detallado o funcionamento desta app.

ALume conta cunha interface moi intuitiva, deseñada co obxectivo de facilitar ao máximo posible o seu uso. Deste xeito, a través do menú que aparece na súa pantalla principal pode darse un aviso a través da aplicación ou chamando ao 085. Unha das vantaxes máis salientables que ofrece esta ferramenta é a posibilidade de enviar a localización exacta do lume, ademais de poder xuntar imaxes capturadas polo alertante, gravacións de son ou achegar observacións.

A posta en marcha de ALume é unha das novidades tecnolóxicas incluídas na actualización do Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga) deste 2026 e, tal e como estaba previsto, está plenamente operativa antes do inicio da campaña de alto risco.

Ademais da aplicación, o Pladiga 2026, que conta co maior orzamento da súa historia con 213 millóns de euros, incorpora outras novidades tecnolóxicas de gran importancia, como é a incorporación da Intelixencia Artificial ao sistema interno de xestión de incendios. Grazas a esta tecnoloxía pode crearse de xeito automático unha alerta de incendio cando se detecta fume a través das cámaras da rede de videovixilancia; sen necesidade de que avise a un profesional do servizo ou que houbera unha alerta cidadá.

Tanto a posta en funcionamento da aplicación como a incorporación da IA son recursos fundamentais na detección temperá dos lumes e favorecerán a anticipación do propio servizo de cara á primeira intervención no lume.

Outras novidades do Pladiga 2026

O Pladiga 2026 incorpora tamén outras novidades moi destacables, como o incremento dun 30 % da rede de videovixilancia, ou a incorporación de tres drons de última xeración para actuar naquelas zonas de difícil acceso.

En relación cos medios humanos, neste 2026 contarase con 42 novas brigadas na tempada de alto risco e reforzarase a Unidade de Directores de Extinción, especializada en grandes incendios forestais. No eido dos medios materiais, haberá catro novos medios aéreos, para chegar a un total de 24 dependentes da Xunta, e incorporaranse 16 novos bulldózer para tarefas preventivas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/06/2026