A intelixencia artificial e os seus retos centran o II Encontro de Equipos TIC das comunidades autónomas
O director da Amtega participou na xornada na que se abordou o despregamento da intelixencia artificial na Administración pública, a súa gobernanza, a ciberseguridade e o talento
O evento enmárcase no Foro de Dixitalización das Comunidades Autónomas e reúne aos principais responsables TIC autonómicos para avanzar na transformación dixital do sector público
Madrid, 16 de xuño de 2026
A intelixencia artificial (IA), a súa gobernanza e o impacto na organizacións públicas centraron o II Encontro de Equipos de Tecnoloxías da Información e Comunicacións (TIC) das comunidades autónomas, celebrado hoxe en Madrid, no marco do Foro de Dixitalización das Comunidades Autónomas.
A Xunta de Galicia estivo representada polo director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Damián Rey, ao que acompañaron os responsables da Xerencia e das áreas de Administración Dixital, Infraestruturas e Seguridade, Solucións Tecnolóxicas Sectoriais, Transformación Dixital da Facenda Pública e a Oficina de Apoio Estratéxico e Planificación.
Durante a xornada analizáronse cuestións clave como a visión estratéxica da IA na Administración pública, os seus riscos e a cooperación entre comunidades autónomas, así como os modelos de gobernanza desta tecnoloxía e o seu impacto na organización do traballo e na xestión do talento.
O programa estruturouse en diversas mesas de traballo especializadas nas que se trataron ámbitos como a aplicación da IA no posto de traballo, o seu despregamento nos procesos de desenvolvemento e operacións, así como o seu impacto no ámbito sanitario. Tamén se abordaron os retos da ciberseguridade na era da intelixencia artificial e a protección dos propios sistemas de IA.
O encontro completouse cun plenario final de posta en común das conclusións das mesas de traballo, no que se puxeron de relevo os principais retos e oportunidades que presenta a integración da intelixencia artificial nas administracións públicas, así como a necesidade de reforzar a colaboración entre territorios.