Villares e o alcalde do Páramo abordan os investimentos da Xunta no municipio
O delegado territorial de Lugo analizou co alcalde a colaboración en diversos proxectos de impulso do turismo e de mellora das infraestruturas de comunicación locais
O Páramo (Lugo), 16 de xuño de 2026
O delegado territorial da Xunta, Alfonso Villares, visitou hoxe O Páramo dentro do programa de reunións institucionais que prevé manter cos alcaldes e alcaldesas lucenses, co obxectivo de coñecer as necesidades de cada zona e analizar os investimentos autonómicos na provincia.
Villares e o rexedor paramés, Benjamín García, abordaron diversos proxectos froito da colaboración entre a Xunta e o Concello. Destaca a recente sinatura dun convenio polo que a Axencia de Turismo de Galicia destina 93.100 euros a actuacións que potencien a oferta turística do municipio. Entre outras accións, figura a creación dunha área de estacionamento e pernocta de autocaravanas na explanada próxima ao polideportivo municipal, dotada de todos os servizos necesarios.
O delegado tamén salientou o apoio do Goberno galego para mellorar infraestruturas de comunicación locais. Así, a Consellería do Medio Rural achega este ano 48.300 euros para acondicionar a vía de Salgueiredo a Santa Andrea; e 136.800 euros para rehabilitar a estrada de Grallás, de titularidade dos concellos do Páramo e Paradela.
Ademais, a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes destinou 34.100 euros á pavimentación dos accesos a San Mamede da Ribeira a través da orde anual de axudas a concellos para mellorar infraestruturas de uso público.
Villares destacou que o Goberno galego continuará traballando da man dos concellos da provincia para garantir que as accións da Xunta cheguen a todos os lucenses e dean resposta ás súas necesidades.