A Xunta destaca o auxe do baloncesto galego, que contará con seis equipos na elite a vindeira temporada
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo; o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez; e o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, asistiron á Gala Basketgal que recoñece as persoas e entidades que impulsan o baloncesto en Galicia
Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2026
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo; o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez; e o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López, asistiron hoxe á Gala Basketgal, na que a Federación Galega de Baloncesto recoñeceu a traxectoria dos deportistas máis destacados do ano así como a traxectoria de lendas do baloncesto galego. No acto, celebrado na Cidade da Cultura, estiveron tamén presentes a directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, e a directora xeral de Formación Profesional, María Eugenia Pérez.
Na súa intervención, Diego Calvo destacou o extraordinario momento que vive o baloncesto galego e recordou que Galicia contará a vindeira temporada 2026/27 con seis equipos nas máximas categorías estatais: Breogán, Obradoiro e Básquet Coruña na ACB, e Baxi Ferrol, Ensino e Celta na Liga Endesa feminina. O conselleiro salientou que estes éxitos son o resultado do traballo sostido durante anos polos clubs, as escolas deportivas, os adestradores, as familias e todas as persoas que impulsan o deporte de base en Galicia.
O conselleiro de Deportes salientou a importancia de contar cunha cita como a Gala Basketgal para recoñecer o traballo das persoas que fan medrar o baloncesto galego. Ademais de incidir nos éxitos actuais, resaltou a contribución das persoas que abriron camiño nas décadas anteriores e animou a seguir impulsando a práctica deste deporte entre as novas xeracións, tamén a través de modalidades emerxentes como o baloncesto 3x3.