Román Rodríguez anima os novos científicos a seguir o exemplo do responsable da futura base lunar da NASA

Vigo, 18 de xuño de 2026

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, salientou hoxe a traxectoria de Carlos García-Galán, responsable da futura base lunar da NASA, como un exemplo para os novos científicos galegos. Fíxoo na conferencia impartida por este profesional en Vigo, nun encontro organizado pola Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA) ao que o titular de Ciencia da Xunta acudiu acompañado pola directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo.

Román Rodríguez puxo en valor o labor de García-Galán, que está liderando unha das misións científicas “máis arriscadas e ambiciosas da historia recente, que será básica para o futuro da humanidade”, en referencia ao proxecto que permitirá a exploración lunar sostible e sentará as bases para as misións a Marte. E, sobre todo, subliñou a importancia divulgativa coa mensaxe que este científico transmite á mocidade, pois “con talento, esforzo e ilusión non existen limitacións para que un galego, ou un español, lidere unha das misións científicas máis relevantes a escala mundial”. “Que saiban que desde Galicia poden facer ciencia, investigación e enxeñaría de altísimo nivel”, recalcou.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/06/2026