O delegado territorial destaca o bo funcionamento do Bono Remuda nunha visita a Sanxenxo

O programa conta cun orzamento total de 1,5 millóns de euros, o que supón un 20 % máis que a convocatoria do ano pasado

Fernández visitou a tenda de informática Noutrora e salientou a importancia da remuda xeracional e do comercio local para manter uns concellos vivos e prósperos

Bueu (Pontevedra), 18 de xuño de 2026

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Pablo Fernández, visitou esta mañá un establecemento comercial que se beneficiou do Bono Remuda, unha iniciativa destinada a fomentar a transmisión de negocios economicamente viables e garantir a súa continuidade.

En concreto, Fernández coñeceu a tenda de informática Noutrora, en Bueu, que recibiu unha achega de preto de 30.000 euros a través desta liña de axudas e destacou a importancia de manter un tecido comercial que “xere emprego, que faga barrio e que manteña a vitalidade dos nosos concellos”.

O Bono Remuda é un programa dirixido a persoas traballadoras autónomas no marco da orde unificada de apoios ao sector (dotada con 40,7 M€) e conta este ano cun orzamento de 1,5 millóns de euros, o que supón un incremento do 20 % respecto á convocatoria anterior. 

O delegado territorial aproveitou a visita para poñer en valor esta “ferramenta clave para facilitar a remuda xeracional nos pequenos negocios“.

A iniciativa estrutúrase en dúas liñas diferenciadas. Por unha banda, o Bono Remuda Rural, destinado a negocios situados en concellos de menos de 10.000 habitantes, que subvenciona ata o 75 % do prezo do contrato de relevo. Por outra, o Bono Remuda Xeral, dirixido a municipios de maior poboación, que cobre ata o 70 % do custo. En ambos casos, a contía máxima da axuda sitúase con carácter xeral en 30.000 euros, con determinadas excepcións recollidas na convocatoria.

O Bono Remuda está incluído nunha orde única para persoas autónomas, que abrangue cinco programas. Este ano inclúe novidades na medida de promoción do emprego autónomo (28,9 M€), ao ampliarse a dous anos a cobertura da cota cero aos traballadores que inicien a súa actividade asociada á agricultura, gandaría ou silvicultura, fronte aos 12 meses da liña xeral.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/06/2026