O delegado da Xunta en Lugo aborda co alcalde do Valadouro diversos proxectos de interese municipal

Villares e Lamela analizaron os investimentos autonómicos no concello, entre os que destaca a obra de humanización da praza de Santa María, en Ferreira, á que o Goberno galego destina 153.000 euros 

O Valadouro (Lugo), 18 de xuño de 2026

O delegado territorial da Xunta, Alfonso Villares, reuniuse hoxe co alcalde do Valadouro, José Manuel Lamela, no marco do programa de visitas institucionais que está a realizar aos concellos lucenses.

Villares e Lamela abordaron os investimentos do Goberno galego no municipio, entre os que destaca a obra de humanización da praza de Santa María, en Ferreira, á que a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas destina 153.000 euros. Os traballos foron adxudicados no mes de febreiro cun prazo de execución de oito meses.

O delegado tamén resaltou as iniciativas financiadas con cargo ás liñas específicas de axudas a entidades locais que convoca anualmente a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

Entre as actuacións apoiadas figura a renovación da cuberta do polideportivo municipal para optimizar a eficiencia enerxética do recinto, que contou cunha achega de 60.000 euros do fondo adicional do Fondo de Cooperación Local (FCL) de 2025. Así mesmo, a través do Fondo de Compensación Ambiental destináronse 161.800 euros para mellorar a rede de alumeado público e o tratamento de residuos, entre outras medidas.

Villares reiterou a aposta da Xunta por cooperar cos concellos da provincia para impulsar accións que contribúan a mellorar a calidade de vida da veciñanza e a fixar poboación no rural.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/06/2026