A delegación da Xunta en Lugo acolle a presentación da vixésima edición do Certame Condado de Pallares
O delegado territorial, Alfonso Villares, subliña o apoio do Goberno galego ao premio pola súa contribución ao coñecemento da historia e o patrimonio lucenses
Lugo, 18 de xuño de 2026
A Delegación Territorial da Xunta en Lugo acolleu hoxe a presentación da vixésima edición do Certame de Investigación Condado de Pallares, que promove a Asociación de Amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares e conta co apoio do Goberno galego. No acto participaron, entre outros, o delegado territorial, Alfonso Villares, e o presidente da entidade organizadora, Carlos Vázquez.
Poden presentarse á convocatoria traballos de investigación orixinais e inéditos en lingua galega sobre temas lingüísticos, históricos, artísticos, arqueolóxicos, antropolóxicos, etnográficos e folclóricos, cinguidos ao ámbito territorial dos concellos de Guntín, Portomarín, Taboada, Chantada e Carballedo. O prazo de admisión remata o 30 de setembro.
O delegado subliñou “a contribución que ao longo destas vinte edicións ten feito o certame ao coñecemento da historia e o patrimonio destes municipios, así como da súa vinculación con outras zonas do territorio”.
O xurado estará composto polos profesores da Facultade de Humanidades Carlos Baliñas Pérez e Gonzalo Fernández Suárez e o investigador Fernando Arribas Arias, coa asistencia do secretario da asociación convocante, Eduardo Fernández Ares. Establécese un premio de 4.000 euros máis a publicación da obra gañadora, na que colabora a Secretaría Xeral da Lingua.
Neste sentido, na primeira semana de xullo está prevista a presentación do libro de Ángeles Verea Castelo sobre “A explotación de arxila e a súa transformación nas terras do Condado de Pallares”, e está en elaboración o de Alexandre Varela Rubín titulado “Os anos de transición á democracia na comarca de Chantada (1973-1983)”; estas foron as obras seleccionadas nas edicións do 2024 e do 2025 respectivamente.