O conselleiro de Sanidade interveu na sesión de clausura do curso académico 2025-2026 da Academia Médico Cirúrxica de Santiago de Compostela

Gómez Caamaño subliña a traxectoria do doutor Torre Carballada como médico internista e destacado docente

O titular de Sanidade refire que o profesional distinguido pola Academia soubo combinar asistencia, coñecemento e compromiso coa formación das novas xeracións de profesionais

En relación á conferencia inaugural que abordou a protonterapia, o conselleiro remarca que Galicia se converterá nos vindeiros meses primeira comunidade en integrar esta prestación na sanidade pública

Pon en valor que a comunidade conta co maior orzamento sanitario da súa historia e agradece o compromiso de todos os profesionais que, desde distintos ámbitos, contribúen cada día a facer mellor a medicina galega

Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2026

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, subliñou a traxectoria do doutor José Antonio Torre Carballada, marcada pola excelencia clínica, a dedicación á docencia e a súa contribución ao desenvolvemento da medicina interna en Galicia.

O titular da carteira sanitaria interveu na sesión de clausura do curso académico 2025-2026 da Academia Médico Cirúrxica de Santiago de Compostela, na que se distinguiu ao doutor Carballada coa entrega da Medalla de Honra.

O conselleiro destacou do doutor Torre Carballada que soubo combinar asistencia, coñecemento e compromiso coa formación das novas xeracións de profesionais.

En relación á conferencia maxistral pronunciada pola doutora Ana Carballo, do Servizo de Oncoloxía Radioterápica do Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela, que versou sobre a protonterapia, o conselleiro dixo que Galicia está a liderar o avance neste campo. Así, o Centro de Protonterapia, que comezará a atender pacientes nos vindeiros meses, converterá Galicia na primeira comunidade de España en integrar esta prestación na sanidade pública.

Trátase, segundo incidiu Gómez Caamaño, dun proxecto estratéxico, que conta cun investimento superior aos 60 millóns de euros, e que permitirá atender cada ano ao redor de 250 pacientes procedentes de Galicia e doutros territorios.

Tamén puxo en valor o conselleiro que Galicia conta co maior orzamento sanitario da súa historia, 5.671 millóns de euros, co que ampliar a formación especializada e con medidas para facilitar o traballo dos profesionais.

O máximo responsable do Sergas rematou a súa intervención felicitando á Academia Médico-Cirúrxica de Santiago de Compostela polo seu traballo e agradeceu o compromiso de todos os profesionais que, desde distintos ámbitos, contribúen cada día a facer mellor a medicina galega.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/06/2026