A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto á directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asinou hoxe co alcalde, Carlos Costa, o convenio para financiar esta actuación ao abeiro do Plan Hurbe

A Xunta e Concello do Campo Lameiro colaboran na mellora da contorna do Centro de Estancia de Agrelo, que suporán un investimento de 511.000€

A conselleira destacou que a actuación completará este equipamento municipal coa urbanización da parcela que rodea o edificio e a habilitación dun acceso peonil e rodado ás instalacións Goberno

Allegue subliña que a actuación permitirá humanizar o espazo que rodea o edificio garantindo a accesibilidade

Os traballos incluirán tamén a iluminación, a mellora da sinalización, o redeseño do mobiliario urbano, así como a plantación árbores e instalaranse ademais a carón do edificio aparellos de exercicio saudables e unha pista de petanca

A Xunta aportará o 51% do orzamento, ademais de licitar e executar as obras, mentres que o Concello asumirá o restante 49% do investimento

O Campo Lameiro (Pontevedra), 19 de xuño de 2026

A Xunta e o Concello do Campo Lameiro colaboran a través do Plan Hurbe nas obras de urbanización da contorna do Centro de Estancia de maiores de Agrelo, que suporán un investimento total de 511.752€. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto á directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asinou hoxe co alcalde, Carlos Costa, o convenio para financiar esta actuación ao abeiro do Plan Hurbe.

A conselleira destacou esta actuación, que virá completar este equipamento municipal coa urbanización da parcela que rodea o edificio, a carón da igrexa de San Miguel do Campo, e a habilitación dun acceso peonil e rodado ás instalacións.

Esta colaboración co Concello execútase ao abeiro do Plan Hurbe, co que a Administración autonómica apoia aos municipios para financiar diferentes tipos de intervencións dirixidas a completar equipamentos, mellorar a accesibilidade ou transformar contornas urbanas.

Neste senso, Allegue puxo en valor que a intervención beneficiará de xeito especial aos usuarios do centro e ás súas familias ao dotar ao inmoble desta infraestrutura accesible. “É un proxecto que cumpre todos os obxectivos que nos marcamos desde a Xunta para colaborar coas administracións locais, xa que ademais de axudar a poñer en valor as nosas vilas e núcleos rurais, permiten humanizar espazos e dotalos de accesibilidade universal”, subliñou.

Ademais da habilitación destes accesos, a actuación completarase coa execución de muros de contención en pedra, nova iluminación, a mellora da sinalización, o redeseño do mobiliario urbano, así como a plantación árbores. Tamén se instalarán varandas e soterraranse as liñas de alumeado e tendido eléctrico. Al lado do edificio, ademais, instalaranse aparellos de exercicio saudables e unha pista de petanca.

Allegue avanzou que a Xunta axilizará no posible toda a tramitación para licitar canto antes as obras, que terán un prazo de 6 meses, de xeito que poidan ser unha realidade no vindeiro 2027. “Seguiremos así entre todos a facer esa Galicia calidade da que estamos orgullosos”, concluíu.

De acordo ao convenio asinado hoxe, a Xunta aportará o 51% do investimento total (260.993€), ademais de licitar e executar as obras, mentres que o Concello asume o 49% (250.758€), realizará as xestións pertinentes para posibilitar a súa execución, e comprométese á recepción, mantemento e conservación das actuacións que incorporará ao patrimonio público municipal.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/06/2026