O conselleiro de Sanidade, xunto con xerente do Servizo Galego de Saúde, Luis León, mantivo unha xuntanza telemática cos responsables das sete áreas sanitarias para avaliar o impacto da folga contra a reforma do Estatuto Marco do Goberno central
Gómez Caamaño denuncia a parálise absoluta do Goberno central ante as folgas contra a reforma do Estatuto Marco que acumulan máis de 270.000 actos médicos suspendidos en Galicia
Lamenta a falta de interese do Ministerio de Sanidade por solucionar o problema e evitar unha folga indefinida a partir de setembro
Adianta que a Xunta está a deseñar plans de continxencia nas sete áreas sanitarias ante a posibilidade de que a folga pase a ser permanente
Sinala que desde os inicios dos paros tiveron que suspenderse máis de 5.700 cirurxías, arredor de 156.000 consultas hospitalarias, preto de 91.400 consultas de atención primaria e máis de 17.500 probas
Indica que este venres se incrementou o seguimento da folga no sistema sanitario público galego, acadando un 18,15 % na quenda de mañá
Santiago de Compostela, 19 de xuño de 2026
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, censurou a absoluta parálise do Ministerio de Sanidade para poñerlle fin ás folgas médicas contra a reforma do Estatuto Marco que promove o Goberno central.
O responsable do departamento sanitario, Antonio Gómez Caamaño, xunto con xerente do Servizo Galego de Saúde, Luis León, mantivo un encontro de traballo telemático cos xerentes das sete áreas sanitarias para avaliar o impacto da folga nacional contra o Estatuto Marco.
Gómez Caamaño manifestou a súa preocupación polos pacientes afectados pola suspensión de 270.844 actos médicos desde o inicio das convocatorias de folgas no mes de decembro. En concreto, o Servizo Galego de Saúde viuse obrigado a suspender 5.758 cirurxías, 156.168 consultas hospitalarias; 91.365 consultas de atención primaria; e 17.553 probas.
Por iso, fixo un novo chamamento ao Goberno central a solucionar o problema que afecta os pacientes que están nas listas de espera de todas as comunidades autónomas.
Ante a falta de interese en solucionar o problema demostrada pola ministra de Sanidade, Gómez Caamaño adiantou que o Servizo Galego de Saúde está a traballar na elaboración de plans de continxencia específicos para cada área sanitaria ante o escenario dunha folga indefinida a partir de setembro.
Na xornada deste venres, a porcentaxe de seguimento da folga contra o Estatuto Marco na sanidade pública galega subiu ao 18,15 %. Nos sete hospitais das cidades acadou o 25,17 %; nos hospitais comarcais foi do 13,15 % e na atención primaria foi do 2,92 %.