A Xunta pon en valor a implicación da trintena de xerentes participantes na formación impulsada para consolidar a xestión dos centros comerciais abertos

O director xeral de Comercio e Consumo participou hoxe en Santiago de Compostela na entrega de diplomas tras a formación de case un mes promovida polo Goberno autonómico no marco do Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030

Despois, Gabriel Alén e a xerente do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, Sol Vázquez, entregaron ao CEE Manuel López Navalón o premio da categoría de Educación Especial do concurso Galicons-Net, a prol do consumo responsable

Santiago de Compostela, 19 de xuño de 2026

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participou esta mañá en Santiago na entrega de diplomas á trintena de persoas participantes no programa executivo en xestión e transformación comercial destinado a profesionais e responsables de áreas comerciais urbanas e promovido pola Xunta. Ao longo de preto dun mes de formación, abordouse a situación actual do comercio, a xestión dos centros comerciais abertos, estratexias de comunicación, técnicas de negociación ou de mobilización de asociados co gallo de dar resposta aos retos que afronta o sector e ás novas tendencias de consumo.

A acción enmarcouse no Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030, que sitúa como un dos seus obxectivos estratéxicos o de Impulsar a mellora da competitividade para consolidar un sector comercial moderno, atractivo e de calidade. Entre outras accións, recóllese para acadar ese propósito a formación e a transmisión de coñecementos a prol da capacitación profesional e da captación e retención de talento.

Compromiso co consumo responsable

Posteriormente, o director xeral entregou —tamén en Santiago de Compostela— ao CEE Manuel López Navalón o premio da categoría de Educación Especial do concurso Galicons-Net, orientado a impulsar o traballo colaborativo de escolares e profesorado á hora de realizar un proxecto de innovación educativa sobre temáticas relacionadas co consumo responsable como a linguaxe publicitaria, os servizos financeiros e a etiquetaxe de bens e produtos. En concreto, o centro viu recoñecida a súa proposta de etiquetado inclusivo en braille materializada na horta coa que conta o centro.

Nunha visita na que estivo acompañado pola xerente do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, Sol Vázquez, o representante autonómico lembrou que onte mesmo se publicou no Diario Oficial de Galicia a resolución cos galardoados neste certame e no de Consumópolis, neste segundo caso baixo o lema Á hora de consumir, que non te domine o click co gallo de promover nos centros educativos unha actitude responsable e sostible fronte ao consumo, sobre todo na contorna dixital. No que se refire a Galicons-Net, engadiu que na categoría de segundo ciclo de educación infantil e de educación primaria resultou gañador o CPR Manuela Rial Mouzo, da localidade coruñesa de Cee e, na da ESO, o alumnado do IES Ramón María Aller Ulloa, do concello pontevedrés de Lalín.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/06/2026