A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, visitou hoxe estes traballos no concello de Tui

A Xunta avanza nas obras do novo treito da vía de altas prestacións AG-42 Tui- A Guarda, que prevé rematar no vindeiro 2027

A conselleira destacou que os traballos, que supoñen 3,2 novos quilómetros deste viario entre o enlace do polígono de Areas ata a PO-350, achéganse ao 50% de execución 

A Xunta inviste preto de 18M€ neste tramo, no que xa se executaron actuacións significativas como o paso inferior na zona de Areas

Allegue lembra que con este novo treito dáse continuidade ao da conexión da A-55 co polígono de Areas

A actuación beneficiará a unha poboación de máis de 31.000 persoas e supón un treito clave para facilitar o acceso e a mobilidade no polígono empresarial de Areas

Tui (Pontevedra), 19 de xuño de 2026

A Xunta avanza nas obras do novo treito da Vía de Altas Prestacións AG-42 Tui-A Guarda, que prevé rematar no vindeiro ano 2027. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, visitou hoxe os traballos no concello de Tui.

A actuación sumará 3,2 novos quilómetros a esta vía de altas prestacións, entre o enlace do polígono de Areas ata a PO-350, nos concellos de Tui e Tomiño. Os traballos comezaron o pasado verán e a conselleira destacou que están preto do ecuador, con ao redor do 50% da actuación executada, coa previsión de finalizalas no vindeiro 2027. 

Neste senso, están avanzadas ou en execución algunhas das intervencións máis significativas, como os movementos de terra que xa permiten divisar a traza da estrada. Ademais, xa comezou a dispoñerse parte do firme, avanzouse no drenaxe, nas canalizacións de servizos e está xa rematado o paso inferior na zona de Areas.

Allegue subliñou que con este novo treito, no que se invisten case 18M€ (17,7M€), dáse continuidade ao da conexión da A-55 co polígono de Areas. A actuación beneficiará a unha poboación de máis de 31.000 persoas e supón, ademais, un treito clave para facilitar o acceso e a mobilidade no polígono empresarial de Areas.

Lembrou o compromiso da Xunta para seguir vertebrando a comunidade e sumando quilómetros de estradas de altas prestacións “porque Incrementando estes viarios gañamos en conectividade e gañamos en competitividade”, apuntou.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/06/2026