O titular do Executivo galego participou no XVIII Encontro Médico que organiza o colexio profesional da provincia da Coruña
Rueda afirma que os profesionais sanitarios son o piar fundamental sobre o que se sustenta a excelencia do sistema público de saúde galego
Reitera o compromiso prioritario do Goberno galego con ofrecerlles a estes profesionais as mellores condicións posibles para o desenvolvemento do seu traballo, poñendo en marcha medidas para reducir a burocracia na atención primaria e avanzando unha reforma integral deste nivel asistencial en poucas semanas
Pon en valor que o esforzo orzamentario histórico de máis de 5.600 millóns de euros permite situar a Galicia na vangarda asistencial grazas a fitos como o calendario vacinal máis completo ou o futuro Centro de Protonterapia
Reclama ao Ministerio de Sanidade que recupere o diálogo cos facultativos arredor do Estatuto Marco e apoia as demandas do colectivo de contar cun marco regulatorio propio e unha mesa de negociación vinculante
A Coruña, 20 de xuño de 2026
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, enxalzou hoxe a profunda vocación, o amor polo oficio e a capacidade de sacrificio de todos os profesionais da medicina, aos que definiu como o piar fundamental sobre o que se sustenta a excelencia do sistema público de saúde da comunidade: “Hai moitos retos enriba da mesa, pero temos razóns para estar profundamente orgullosos grazas ao voso traballo”, resaltou o presidente.
Así o salientou durante o XVIII Encontro de Médicos da Provincia da Coruña, organizado polo Colexio Oficial de Médicos da Coruña, no que tamén participou o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño. Alí, o xefe do Executivo autonómico fixo especial fincapé en que ningunha infraestrutura moderna nin ningunha tecnoloxía de última xeración poden chegar a substituír o compoñente máis valioso do sistema: o coñecemento, a experiencia e a calidade humana de cada facultativo.
Por este motivo, reiterou o firme compromiso da Administración autonómica con ofrecerlles a estes profesionais as mellores condicións posibles para o desenvolvemento do seu traballo. Neste sentido, Rueda explicou que a folla de ruta da Xunta non só pasa por seguir incrementando o persoal sanitario –Galicia conta actualmente coa “maior cifra de profesionais da súa historia”, arredor de 48.700– ou por “facer un esforzo sen precedentes na formación” de novos especialistas, senón tamén por dar solución a un dos maiores desgastes que sofren os profesionais, como é a carga burocrática, “xa que todos os médicos reclamades, como é natural, máis tempo para facer o que tedes que facer, que é atender aos pacientes”.
A este respecto, puxo en valor as medidas xa iniciadas coa creación de unidades de apoio administrativo específicas destinadas a liberar aos facultativos de atención primaria de tarefas de xestión e lembrou que en poucas semanas presentarase unha reforma integral deste nivel asistencial coa finalidade de devolverlle tempo ao médico para que poida centrarse nos seus pacientes.
Así mesmo, o presidente puxo de relevo que este esforzo diario e sostido permite situar a Galicia na vangarda sanitaria, amparada polo maior orzamento da súa historia destinado á saúde pública, que supera os 5.600 millóns de euros. Grazas a este investimento, a comunidade consolídase como pioneira en fitos como a implantación da historia clínica electrónica, o desenvolvemento do calendario de vacinación máis completo do mundo, o proxecto estratéxico Xenoma Galicia ou a próxima posta en marcha do primeiro Centro de Protonterapia autonómico, “algo que tamén é motivo de orgullo”.
Apoio ao colectivo no Estatuto Marco
Finalmente, o titular da Xunta non quixo pasar por alto as dificultades estruturais que afectan ao conxunto do Estado, apuntando de xeito directo ao conflito xerado arredor do Estatuto Marco. “Galicia foi a primeira comunidade autónoma cuxos representantes políticos manifestaron que esta era unha reivindicación xusta. E, conforme pasa o tempo, non só comprobamos que é xusta senón tamén urxente”, apuntou Rueda.
Tras reclamar de xeito firme ao Ministerio de Sanidade que recupere as canles de diálogo co colectivo médico para acadar unha solución de consenso, garantiu que Galicia manterá unha postura de colaboración leal, pero sen deixar de defender os dereitos e as demandas dos seus profesionais á hora de solicitar un marco regulatorio propio e unha mesa de negociación que resulte vinculante: “Para acertar é imprescindible ter interlocutores enfronte que transmitan o que pensan os seus representados e que sexan despois capaces de explicar as cousas que se acordan, e que eses acordos sexan respectados”, resaltou o presidente.