A Xunta colabora coa XIII edición da Subida á Pontenova, que se celebrará a próxima fin de semana
A Pontenova (Lugo), 20 de xuño de 2026
O Goberno galego apoia a XIII Subida á Pontenova, que se celebrará na localidade entre os días 26 e 28 de xuño. O delegado territorial de Lugo, Alfonso Villares, participou hoxe na presentación do rally, puntuable para o Campionato Xunta de Galicia de Montaña.
Villares destacou que “a notable afección ao automobilismo que temos en Galicia exhíbese estes días na Pontenova, o que converte a proba nun dos principais elementos de dinamización turística, económica e social do concello”.
A competición constará dun percorrido de 4,8 quilómetros pola estrada LU-4803 entre A Pontenova e Augaxosa, cun desnivel de 260 metros e unha pendente media de 5,40%; disputarase en dúas mangas o sábado pola tarde e outras dúas o domingo pola mañá.
A Secretaría Xeral para o Deporte colabora coa Escudaría A Pontenova e tamén coa Federación Galega de Automobilismo, coa que asina anualmente un convenio de colaboración para o desenvolvemento do calendario de competicións e outras actividades.