A Xunta apoia a mellora do equipamento para o servizo ambiental de Trazo cunha achega de case 30.000 euros

A directora xeral de Administración Local comprobou as prestacións da retrocargadora adquirida en 2025 ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental

Natalia Prieto lembra que está aberta a convocatoria das novas axudas destinadas á compra de equipamento para a prevención de incendios forestais, que conta cun orzamento superior ao millón de euros

A iniciativa enmárcase no compromiso do Goberno galego coas administracións locais, como entidades máis próximas á cidadanía

Trazo (A Coruña), 22 de xuño de 2026

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, comprobou hoxe as prestacións da retrocargadora adquirida polo Concello de Trazo o pasado ano co apoio da Xunta a través do Fondo de Compensación Ambiental. O Goberno galego achegou case 30.000 euros para a compra do equipamento, que está xa á disposición da brigada ambiental municipal para distintas tarefas relacionadas coa protección e coa recuperación do medio natural, como retirada de restos e materiais ou escavacións, entre outras.

A directora xeral salientou a importancia do Fondo de Compensación Ambiental como medida de apoio aos concellos na mellora do medio natural, o que levou o Goberno galego a reforzar a dotación deste ano a máis de 11,4 millóns de euros, fronte aos 11,2 de anteriores convocatorias.

Segundo sinalou, as accións subvencionables deben centrarse na conservación da biodiversidade, no fomento do coñecemento e da utilización recreativa e didáctica dos recursos naturais, e na recuperación do medio natural degradado ou contaminado. Tamén deben impulsar a eficiencia e o uso sustentable das enerxías renovables, e, en xeral a protección do medio natural. A maiores, as axudas cobren tamén os gastos do persoal vinculado.

Novas axudas para equipamento

Por outra banda, durante a visita, Natalia Prieto lembrou que ata o 15 de xullo está aberta a convocatoria das novas axudas autonómicas para facilitarlles aos concellos a adquisición de vehículos, as súas adaptacións e maquinaria vinculada a actuacións de prevención de incendios forestais. A medida conta cunha dotación superior ao millón de euros, cofinanciado con fondos Feder, e vai destinada ás localidades de ata 30.000 habitantes que poderán recibir un máximo de 30.000 euros por proxecto. A orde de axudas publicouse a semana pasada no Diario Oficial de Galicia.

Os investimentos subvencionables con estas nova liña de apoio, que non poden estar adquiridos antes da presentación da solicitude de axuda, comprenden maquinaria, vehículos lixeiros e especiais e as súas adaptacións destinados ás brigadas de protección do ambiente e do espazo natural para a execución de tarefas específicas de prevención de lumes forestais. Trátase de equipamento como miniescavadoras, compactadoras ou rodetes, pequenos tractores, rozadoiras, remolques, trituradores, vehículos todoterreo e minicamións, entre outros.

O obxectivo é dotar os concellos dun parque de maquinaria suficiente e adecuada para a realización de actividades de limpeza e roza de espazos e zonas verdes en bordes de estradas, contornas de núcleos de poboación e espazos naturais como medidas preventivas fronte aos incendios forestais.

Compromiso co eido local

Natalia Prieto incidiu no compromiso da Xunta coas administracións locais, como entidades máis próximas á cidadanía. Neste sentido, lembrou que o Goberno galego abre cada ano diversas liñas específicas para os concellos entre as que están tamén a orde de infraestruturas de uso público e a iniciativa para proxectos municipais de carácter estratéxico. No marco deste apoio, o concello de Trazo recibiu nos últimos anos preto de 2,5 millóns de euros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/06/2026