A Xunta felicita a cuarta promoción do máster de FP dual en Intelixencia artificial e big data
A directora xeral de Formación Profesional participa na graduación de 19 estudantes no Instituto Fernando Wirtz Suárez da Coruña en colaboración con NTT Data
A Coruña, 22 de xuño de 2026
A directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez, felicitou hoxe aos 19 estudantes da cuarta promoción do máster de FP Dual en Intelixencia artificial e big data, unha titulación pioneira desenvolvida en colaboración coa empresa NTT Data especializada en ámbitos como a análise e explotación de datos masivos, a programación de sistemas intelixentes e o desenvolvemento de solucións baseadas en IA.,
“Este máster é un magnífico exemplo do modelo de Formación Profesional que estamos impulsando en Galicia, baseado na especialización, na innovación e nunha estreita colaboración co tecido empresarial”, sinalou. Neste sentido, destacou que a FP Dual Intensiva permite ao alumnado “adquirir competencias altamente demandadas e coñecer de primeira man a realidade das empresas, o que facilita a súa incorporación ao mercado laboral”.
O máster consolidouse como unha referencia da FP Dual Intensiva en Galicia grazas á combinación da formación académica coa experiencia práctica en contornas profesionais reais. A boa evolución desta iniciativa ten continuidade coa posta en marcha dunha nova edición, cuxo prazo de matrícula permanecerá aberto ata o próximo 30 de xuño.
“Os excelentes resultados acadados por este programa confirman que a Formación Profesional é unha das mellores vías para acceder a empregos cualificados e con gran proxección de futuro”, destacou a representante da Consellería. Esta formación enmárcanse no Plan Innova FP Galicia 2026-30, a estratexia da Xunta para dar o pulo definitivo á innovación e investigación aplicada nestas ensinanzas e aliñalas cos obxectivos estratéxicos da I+G+i galega.