Villares e o alcalde do Incio analizan proxectos froito da colaboración entre a Xunta e o Concello
O delegado destaca as actuacións de mellora de infraestruturas rurais, así como o impulso dun novo obradoiro dual de emprego financiado polo Goberno galego e un campo de voluntariado enfocado á posta en valor do patrimonio cultural
O Incio (Lugo), 22 de xuño de 2026
O delegado territorial da Xunta, Alfonso Villares, reuniuse hoxe co alcalde do Incio, Héctor Corujo, no marco do programa de visitas institucionais que está a realizar aos concellos da provincia.
Na xuntanza abordaron algunhas dos principais iniciativas froito da colaboración entre a Administración autonómica e local, como o novo obradoiro dual de emprego que formará a 20 persoas desempregadas dos concellos do Incio, Bóveda e A Pobra do Brollón, financiado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración con 454.500 euros.
En materia de infraestruturas, destaca a cooperación para mellorar servizos en Trascastro e no núcleo rural de Eirexalba. O proxecto conta con 100.000 euros da Consellería do Medio Rural ao abeiro da orde de axudas do 2026 para potenciar servizos básicos locais que contribúan a revitalizar o tecido produtivo e a fixar poboación nas áreas rurais.
Así mesmo, analizaron o estado das principais liñas específicas de axudas a concellos que convoca anualmente a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes. O ano pasado, O Incio contou con 35.000 euros a través da orde de mellora de infraestruturas, destinados ao acondicionamento de camiños municipais da Veiga e A Cruz do Incio.
Por outra banda, Villares tamén salientou que o Goberno galego financia este verán no municipio o campo de voluntariado Territorio Sonoro, do ámbito artístico e cultural, con actividades enfocadas á posta en valor do patrimonio da zona. Vai dirixido a mozos e mozas de 18 a 30 anos.
O delegado reiterou a intención da Xunta de seguir reforzando os vínculos cos concellos lucenses para contribuír ao desenvolvemento da provincia.