Galicia mostra o seu modelo de construción sustentable en madeira no marco da Nova Bauhaus Europea
O director xeral da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Alfredo Fernández, inaugurou en Santiago unhas xornadas nas que participaron referentes neste eido, como o grupo Rodiñas, a Universidade de Santiago de Compostela-Pemade ou o Instituto de Arquitectura Avanzada de Cataluña (IAAC)
Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2026
O director xeral da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Alfredo Fernández, subliñou esta mañá en Santiago o potencial da Comunidade galega no emprego da madeira no eido da construción gracias ao esforzo de todos os axentes do sector forestal-madeira e do compromiso do Goberno galego para impulsar o emprego deste elemento nas edificacións que se están a levar a cabo na rexión co apoio da Administración autonómica.
Fernández Ríos realizaba estas declaracións no marco da inauguración da xornada sobre o proxecto europeo de construción sustentable Life timber for all, que tivo lugar hoxe na sede da Fundación Laboral da Construción e na que participaron referentes neste eido como o grupo Rodiñas, a Universidade de Santiago de Compostela-Pemade ou o Instituto de Arquitectura Avanzada de Cataluña (IAAC), un dos mellores representantes da corrente coñecida como Nova Bauhauss Europea (NEB). Trátase dunha iniciativa política, económica e cultural da Comisión Europea que busca transformar os espazos habitables, as cidades e a arquitectura para avanzar cara un futuro sostible. Unha iniciativa na que o uso da madeira ten un papel relevante, ademais de contribuír a xerar emprego industrial e valor a partir dos recursos forestais de proximidade.
En canto ao proxecto Timber for all presta atención, entre outras accións, aos sistemas híbridos madeira-formigón e o desenvolvemento dun formigón baixo en carbono a partir do emprego de cinzas. Neste sentido, o director da Xera gabou que no proxecto participen entidades de investigación e innovación, empresas e clústeres para achegar o coñecemento e avanzar na industrialización da construción e na súa sustentabilidade. “O desenvolvemento destes materiais é importante - apuntou Alfredo Fernández - xa que permitirá as empresas dispoñer de materiais a partires de desenvolvementos propios e non depender de patentes que non son propias".
Finalmente, Fernández Ríos lembrou que nos últimos anos, a Xunta concedeu axudas por importe que supera os oito millóns de euros para impulsar o emprego da madeira estrutural, tanto para a redacción de proxectos como para a execución de obras. Unha liña de apoios da que se beneficiaron máis de 500 persoas desde o ano 2020.