Medio Rural avanza na prevención de incendios con traballos en faixas secundarias nas cinco parroquias priorizadas do Porto do Son
A conselleira María José Gómez visitou hoxe a parroquia de Xuño, onde se están levando a cabo este tipo de actuacións no marco do convenio de colaboración asinado coa empresa pública Seaga
A limpeza de parcelas en parroquias priorizadas é unha das posibilidades que ofrece o acordo asinado con esta empresa pública, sempre e cando os propietarios dos predios soliciten este servizo, que poden contratar a un prezo moi competitivo
Gómez lembrou que a limpeza das faixas secundarias é responsabilidade dos particulares e, se estes non cumpren coas súas obrigas, a tarefa debe ser asumida polos concellos de xeito subsidiario
Co obxectivo de prestar apoio tanto a propietarios como ás administracións locais, a Xunta puxo en marcha este convenio que conta cun orzamento anual de 25 millóns de euros, e ao que están adheridos 299 concellos
O Porto do Son (A Coruña), 23 de xuño de 2026
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo alcalde do Porto do Son, Luis Oujo, visitou hoxe este concello, concretamente a parroquia de Xuño, catalogada como priorizada, onde se están levando a cabo traballos de xestión da biomasa nas faixas secundarias ao abeiro do convenio de colaboración asinado con Seaga.
Gómez sinalou que, en todo o termo municipal, hai un total de 188 parcelas contratadas para realizar este tipo de traballos nas cinco parroquias priorizadas que ten este concello e que suman unha superficie total, en faixas de xestión, de 32 hectáreas. Que os propietarios poidan contratar a Seaga para a xestión da biomasa nas faixas secundarias de parroquias priorizadas é unha das posibilidades que ofrece o acordo asinado con esta empresa pública. Neste sentido, a conselleira incidiu en que estes labores deben ser solicitados polos propietarios dos terreos, que os poden contratar a un prezo moi competitivo, de 420 euros por hectárea. Así, destacou que, ao abeiro deste acordo, a Consellería do Medio Rural realizou xa actuacións en algo máis de 2.600 parcelas de 70 parroquias priorizadas de toda Galicia.
Seguindo esta liña, María José Gómez lembrou que a limpeza das faixas secundarias é responsabilidade dos particulares e, se estes non cumpren coas súas obrigas, a tarefa debe ser asumida polos concellos de xeito subsidiario, tal e como establece a Lei de incendios. Neste contexto, e co obxectivo de prestar apoio tanto a propietarios como ás administracións locais, a Xunta puxo en marcha este convenio con Seaga, que conta cun orzamento anual de 25 millóns de euros, e ao que están adheridos 299 concellos.
Outros apoios dentro do convenio
A través deste acordo tamén se ofrece apoio para a realización de execucións subsidiarias en ata 10 hectáreas por concello e ano fóra das parroquias priorizadas, e a limpeza de 12 quilómetros de vías municipais; cuestións que os concellos deberán identificar e solicitar. Os concellos adheridos tamén teñen á súa disposición axuda para a revisión ou modificación do plan municipal de prevención; e tamén apoio para realizar as inspeccións e notificacións aos titulares das fincas, sempre e cando o soliciten.
Cómpre lembrar que, a data de 31 de marzo, prazo idóneo fixado pola Xunta para que os concellos enviaran a planificación e solicitaran actuacións ao abeiro do convenio, só un 30 % dos municipios adheridos cumpriron o prazo daquelas.