Medio Rural salienta as agrupacións forestais de xestión conxunta como ferramentas útiles a prol dun monte sostible e fronte ao abandono
A conselleira María José Gómez visitou a agrupación de Moalde, en Silleda, e lembrou que a Xunta destina 2,1 M€ para a creación e consolidación deste tipo de entidades
Explicou que o obxectivo é traballar para atallar o minifundismo forestal, mellorar a rendibilidade das explotacións e avanzar cara unha xestión máis eficiente e sostible do territorio
Santiago de Compostela, 23 de xuño de 2026
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, destacou hoxe o papel das agrupacións forestais de xestión conxunta como ferramentas de gran utilidade para a posta en valor do monte e a loita contra o abandono. Foi na súa visita á Agrupación Forestal de Xestión Conxunta de Moalde, en Silleda, na que estivo acompañada pola directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Luisa Piñeiro.
Esta agrupación de Silleda constituíuse, precisamente, ao abeiro das achegas convocadas pola Consellería para esta finalidade. Así, foi beneficiaria dunha axuda de máis de 49.000 euros que lle permitirá consolidar unha iniciativa na que participan 56 socios e que abrangue unha superficie total de case 88 hectáreas.
Nesta visita, a conselleira lembrou que en febreiro pasado se publicou no Diario Oficial de Galicia (DOG) a última convocatoria destas subvencións, dotada con 2,1 millóns de euros, que se distribúen entre as anualidades de 2026 e 2027. Dáse así continuidade ás anteriores convocatorias, de 2024 e 2025, reforzando deste modo a aposta da Xunta polas agrupacións.
Gómez explicou ademais que o obxectivo é traballar para atallar o minifundismo forestal, mellorar a rendibilidade das explotacións e avanzar cara unha xestión máis eficiente e sostible do territorio. Poden ser beneficiarias as asociacións sen ánimo de lucro -como é o caso desta de Silleda-, cooperativas, sociedades agrarias de transformación, mercantís, sociedades de fomento forestal e outras entidades.
Canto ao número de agrupacións existentes en Galicia, tras a execución das convocatorias anteriores destas axudas está prevista a creación de arredor de 40 novas, chegando así a un total de 65 rexistradas na nosa comunidade, subliñou Gómez, quen agradeceu e valorou o compromiso dos socios desta agrupación e reiterou a aposta da Xunta por un monte sustentable tanto desde o punto de vista económico como social e ambiental.