A Xunta executa a segunda fase da mellora da seguridade viaria na estrada LU-530 ao seu paso por Castelo, en Lugo
O delegado territorial, Alfonso Villares, comprobou a marcha dos traballos, que contemplan a implantación dun segundo paso de peóns e un novo tramo de senda peonil
As actuacións céntranse nas contornas das paradas de autobús interurbano recentemente acondicionadas polo Goberno galego nesa zona
Lugo, 23 de xuño de 2026
A Xunta iniciou a segunda fase das obras de mellora da seguridade viaria na estrada autonómica LU-530 ao seu paso por Castelo, no municipio de Lugo.
O delegado territorial, Alfonso Villares, comprobou hoxe a marcha dos traballos, que se centran nas contornas das dúas paradas de transporte interurbano recentemente renovadas polo Goberno galego nese treito da vía.
Na primeira intervención, acometida o ano pasado, acondicionouse o entorno da marquesina situada na zona de acceso á igrexa de Castelo (puntos quilométricos 1+480 a 1+680). Agora dáselle continuidade coas melloras que se están a levar a cabo á altura da seguinte parada de bus interurbano, situada na outra marxe da estrada (entre os pq 2+0,60 e 2+300).
Así, implantarase un segundo paso de peóns e adecuarase outro tramo de senda peonil. Esta nova fase ten un orzamento de 50.000 euros, financiados con cargo ao contrato de conservación e mantemento de estradas da zona norte da provincia de Lugo.
Ademais, o conxunto do proxecto incluíu medidas complementarias de calmado do tráfico, como a instalación de balizas cilíndricas reflectoras; a colocación de carteis luminosos que advirten do límite de velocidade a 50 qm/h e a renovación da sinalización horizontal en todo o percorrido, contemplando o estreitamento dos carrís mediante o repintado das marcas viarias.
Villares destacou que o obxectivo destas actuacións é crear circuítos seguros de mobilidade peonil, en especial nas contornas das paradas de autobús interurbano, que a Xunta está a renovar en todo o territorio.