A directora da AXI subliña o compromiso da Xunta para acadar infraestruturas “máis sostibles, resilientes e dixitalizadas” nun encontro con construtores en Vigo
Vigo, 23 de xuño de 2026
A directora da Axencia Galega de Infraestruturas, María Deza, participou hoxe en Vigo nun almorzo informativo promovido pola Asociación de Construtores de Pontevedra, no que puxo de relevo o compromiso e esforzo investidor da Xunta en para acadar infraestruturas “máis sostibles, resilientes e dixitalizadas” en Galicia. Máis en concreto, Deza referiuse no acto ao investimento en torno aos tres grandes eixos neste eido: conservación, no incremento de quilómetros de vías de altas prestacións e a mobilidade sostible, incorporando ademais, como eixo transversal, a seguridade viaria.
Deza subliñou que a Xunta é “consciente” da “difícil situación” que atravesa o sector ante as consecuencias da guerra en Oriente Medio no que respecta a materiais ou prezos, entre outras circunstancias. Explicou que desde a Administración autonómica se están a atender os requirimentos feitos pola patronal do sector e indicou que o seu departamento xa estuda e valora as peticións feitas sobre a revisión de prezos, os gastos xerais ou a clasificación das obras públicas, entre outros. “Facedes un esforzo importantísimo e poñemos todas as armas para axudar. Queremos que as obras se fagan e acábense”. Na súa intervención, a directora da AXI incidiu tamén na necesidade de adaptación a unha contorna económica cambiante “cun marco normativo deseñado para a estabilidade".