O conselleiro de Sanidade interveu nesta asemblea xeral extraordinaria que se celebrou no edificio administrativo do Sergas
Gómez Caamaño reivindica na asemblea do Clúster Saúde de Galicia a fortaleza da comunidade como un dos territorios con maior proxección de futuro en innovación sanitaria
Destaca proxectos de enorme relevancia en innovación sanitaria na comunidade, como o Xenoma Galicia, o futuro Centro de Protonterapia, o Centro de Fabricación de Terapias Avanzadas, o rexistro de persoas centenarias ou o Centro de Ciberseguridade
Subliña a confluencia entre o compromiso da administración, o talento dos profesionais e o pulo empresarial, que converten Galicia nun polo de referencia en innovación sanitaria
Felicita ao equipo que levou as rendas do Clúster de Saúde de Galicia no último lustro, con Rocío Mosquera á fronte
Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2026
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño reivindicou hoxe, na asemblea do Clúster Saúde de Galicia, a fortaleza da comunidade como un dos territorios con maior proxección de futuro en innovación sanitaria.
O titular da carteira sanitaria interveu esta mañá na inauguración da asemblea xeral extraordinaria desta entidade, na que se fixo balance do último exercicio e se fixaron os retos futuros que afronta o sector da saúde.
O conselleiro puxo en valor a vitalidade da innovación sanitaria na nosa comunidade, onde están a desenvolverse na actualidade proxectos públicos de enorme relevancia, entre os que citou o Xenoma Galicia, o futuro Centro de Protonterapia, o Centro de Fabricación de Terapias Avanzadas, o Rexistro galego de persoas centenarias ou o Centro de Ciberseguridade de Galicia.
Galicia, polo de referencia
Segundo Gómez Caamaño, a confluencia entre o compromiso da administración, o talento dos profesionais e o pulo empresarial, converten Galicia nun polo de referencia en innovación sanitaria.
Como mostra de proxección de futuro, o conselleiro citou a presentación, no día de hoxe da Business Factory Health & Care, unha nova aceleradora especializada orientada a impulsar startups e pymes do sector saúde, impulsada polo Clúster en colaboración do Igape, que conta con 1,8 millóns de euros para o bienio 2026-2028.
Gómez Caamaño subliñou que ao longo dos últimos 15 anos o Clúster da Saúde de Galicia se consolidou como unha plataforma de grande utilidade para articular un ecosistema que integra empresas, universidades, centros tecnolóxicos, entidades sociais, organismos públicos e profesionais para transformar coñecemento en innovación, co obxectivo de oportunidades e benestar para a comunidade.
Nesta asemblea, na que tamén se renovará a xunta directiva do Clúster para os vindeiros anos, o conselleiro destacou a actual carteira de proxectos da entidade, que supera os 2,5 millóns de euros.
O conselleiro rematou a súa intervención felicitando o equipo que levou as rendas do Clúster de Saúde de Galicia no último lustro, con Rocío Mosquera á fronte.