O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración visitou esta mañá o mercado ribeirense

A Xunta incorpora a praza de abastos de Ribeira á rede de Mercados Excelentes de Galicia por ser referente en calidade, innovación e compromiso coa cidadanía

José González sinala que o novo selo —que tamén teñen Tomiño, Vilagarcía de Arousa, Pontedeume e Carballo— enxalza os mercados destacados pola súa modernidade e dinamización, sen perder a autenticidade, tradición e trato personalizado

Pon en valor a vintena de postos de venda de produto fresco e local da praza ribeirense e a oferta de restauración que inclúe o servizo de cociña con produtos do mercado, así como o apoio económico da Xunta ás instalacións desde a súa construción

Co Plan de impulso da Rede de Mercados Excelentes vixente para rexer a colaboración coas entidades locais ao impulsar obras de reforma, mellora ou modernización nas prazas de abastos, lembra que o obxectivo é acadar os 25 espazos co selo en 2030

Ribeira (A Coruña), 25 de xuño de 2026

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e pola alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, visitou hoxe a praza de abastos desta localidade tras térselle concedido o selo de Mercado Excelente. Felicitando o consistorio e a veciñanza polo distintivo logrado lembrou que xa contaban con esta distinción as instalacións de Tomiño, Vilagarcía de Arousa, Pontedeume e Carballo, avanzando cara ao obxectivo de acadar 25 Mercados Excelentes no período de execución do Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030.

O conselleiro apuntou que todas estas prazas de abastos destacan pola súa modernidade, innovación e dinamización, sen perder a autenticidade, tradición e trato personalizado, o que lles permite proporcionar ás persoas consumidoras unha ampla variedade de produtos frescos de proximidade e óptima calidade. No caso ribeirense, salientou que conta cunha vintena de postos de venda de peixes e mariscos, produtos cárnicos, conxelados, froitas e verduras, panadaría e pastelaría ou produtos gourmet. Tamén con oferta complementaria de restauración —incluído o servizo de cociña empregando produtos do mercado e o de comida para levar— e con espazo para a celebración de eventos, cursos, presentacións e calquera outro tipo de actividade dinamizadora.

Nese sentido, González puxo en valor este mercado situado no corazón do municipio de Ribeira non só como punto de encontro para a veciñanza e as persoas visitantes, senón tamén pola súa ampla oferta comercial entre a que resalta o produto procedente da ría de Arousa, ademais das carnes, froitas, verduras e outros alimentos típicos da comarca. Engadiu que a súa situación próxima ao paseo marítimo e aos núcleos de actividade comercial favorece o acceso e facilita que a praza se manteña como un eixe de dinamización socioeconómica.

O titular de Comercio lembrou que a Xunta vén apoiando estas instalacións desde a súa construción, sendo a última axuda concedida para a realización dunha diagnose e estudo de mercado sobre a praza. O obxectivo, dixo, é avanzar cara a un modelo de excelencia que sirva como referente de calidade, innovación e compromiso coa cidadanía, baseándose en principios como a sustentabilidade ou a competitividade.

25 Mercados Excelentes en 2030

José González sinalou que o selo concedido á praza de abastos de Ribeira é o primeiro que se entrega desde que a Xunta actualizou e flexibilizou os criterios para a concesión destes distintivos. Coa ollada posta en sumar 25 Mercados Excelentes en 2030, fixo fincapé en que está en marcha para conseguilo o Plan de impulso da Rede de Mercados Excelentes, que está a rexer a colaboración coas entidades locais de cara a dar pulo á calidade e excelencia das prazas de abastos. Nese senso, este Plan establece apoios autonómicos de ata o 70 % co gallo de promover obras de reforma, mellora ou modernización nas instalacións que aspiren a obter o selo de Mercado Excelente.

O conselleiro recordou que o Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030 fixa como un dos seus obxectivos consolidar as preto de cen prazas de abastos existentes en Galicia como puntos neurálxicos da comercialización de produtos frescos de proximidade, ademais de como centros de actividades complementarias que inciden de xeito decidido na dinamización das vilas e cidades galegas. Dentro desa filosofía, desde a Xunta estanse a promover outras iniciativas como Prato de Mercado, que busca potenciar a promoción das prazas de abastos a través da cociña galega, poñendo en valor a estreita conexión da gastronomía e da hostalería cos mercados.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/06/2026