No encontro tamén estivo presente o xerente da área sanitaria, José Flores

O director de Atención Primaria e Comunitaria do Sergas salientou ante os profesionais da área sanitaria de Pontevedra e o Salnés a aposta da Xunta polo primeiro nivel asistencial

Salvador Mariño-Ageitos sinala que a nova dirección do Sergas ten como cometido asegurar a coordinación, o seguimento continuo e a correcta execución da reforma integral deste eido asistencial, clave para o Goberno galego

Pontevedra, 25 de xuño de 2026

O novo director xeral de Atención Primaria e Comunitaria do Servizo Galego de Saúde, Salvador Mariño-Ageitos, reuniuse hoxe cos profesionais asistenciais da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, onde incidiu na aposta da Xunta por consolidar este nivel asistencial como o verdadeiro motor e eixe vertebrador do sistema sanitario público galego.

Á reunión, que tivo lugar nos Hospital Provincial da cidade do Lérez, asistiu o xerente da área sanitaria, José Flores, e membros do seu equipo directivo. A xuntanza tamén contou coa intervención dos xefes de servizo de atención primaria desta área sanitaria.

No encontro, Mariño-Ageitos reafirmou a aposta decidida da Xunta pola potenciación e o reforzo da atención primaria en toda a comunidade.

Tal e como explicou o director xeral, a nova Dirección de Atención Primaria asume a competencia directa de asegurar a coordinación, o seguimento continuo e a correcta execución da reforma integral deste eido asistencial clave para o Goberno galego.

Salvador Mariño-Ageitos, defendeu a necesidade de levar a cabo transformacións neste nivel asistencial que permitan facer fronte aos novos desafíos sanitarios como son a poboación lonxeva, as pluripatoloxías, a cronicidade, a maior necesidade de coidados, a dispersión territorial ou as dificultades de cobertura das prazas médicas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/06/2026