A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, visitou hoxe dúas das pasarelas incluídos neste itinerario, que ten un orzamento de 6,8M€
A Xunta avanza nas obras da senda peonil e ciclista entre Milladoiro e a estación intermodal de Santiago, coa previsión de poñela en servizo en agosto
A senda, de case 6 quilómetros de lonxitude, é un dos treitos do Eixo de Mobilidade Sostible de Santiago, no que xa están en servizo o tramo entre a Intermodal e San Caetano e o de acceso ao CHUS
Allegue puxo en valor as pasarelas incluídas no percorrido, de 32 e 21 metros de lonxitude e elaboradas en madeira de pino e en aceiro
A conselleira destacou que esta actuación transformará a mobilidade sostible entre Ames e Santiago, ao posibilitar os desprazamentos camiñando ou en bicicleta entre ambos concellos
Santiago de Compostela, 26 de xuño de 2026
A Xunta avanza nas obras da senda entre Milladoiro e a estación Intermodal de Santiago, coa previsión de poñela en servizo no mes de agosto. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, visitou hoxe dúas das pasarelas incluídas neste itinerario, no que se inviste un orzamento de 6,8M€, cofinanciados con fondos MRR.
Esta senda é un dos tramos nos que se divide o Eixo de Mobilidade Sostible que a Xunta desenvolve en Santiago, no que xa están en servizo o treito entre a Intermodal e San Caetano e o de acceso ao CHUS. En concreto, con preto de 6 quilómetros, arranca en Milladoiro e transcorre pola contorna de Conxo, o Hospital de Conxo, parques urbanos, a zona de Restollal e Pontepedriña, para rematar na Intermodal.
Puxo en valor que este novo itinerario transformará a mobilidade sostible e segura entre Ames e Santiago, ao posibilitar os desprazamentos camiñando ou en bicicleta entre ambos concellos. “Calculamos que o treito en bicicleta pode levar 20 minutos -sinalou- polo e, polo tanto suporá que unha parte moi importante da poboación poida mudar o vehículo pola bicicleta. Animo a todos aqueles que residan en Milladoiro e Santiago a facer este percorrido, cando estea finalizado”.
En concreto, a conselleira visitou dúas das tres pasarelas incluídas ao longo do percorrido e que conforman, como destacou, algunhas das infraestruturas máis singulares que conleva a obra.
Estas dúas pasarelas, executadas en madeira de piñeiro e de 32 metros de lonxitude cada unha, sitúanse no ámbito do ramal de enlace entre a AG-56 e a SC-20, e cada unha ten unha anchura de paso de 4 metros e 11 toneladas de peso. A terceira pasarela sitúase na contorna do antigo túnel ferroviario e executouse en aceiro, mide 21 metros e pesa 9 toneladas. Os pasos chegaron montados e izáronse con dúas grúas para deixalos colocados nun día.
A actuación inclúe tamén melloras ao longo do percorrido, entre elas a reordenación de rúas, adaptación de zonas de paso, a integración con espazos verdes, ademais de iluminación pública e a instalación de mobiliario urbano.
A conselleira incidiu en que las obras da senda entran xa na súa recta final, pendente de actuacións como remates da sinalización, así como instalación de varandas ou o acondicionamento dunha pista, entre outras.