A Xunta avanza cos GALP en liñas de traballo conxuntas para impulsar un turismo mariñeiro de excelencia e calidade
A Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro e a Axencia de Turismo de Galicia coordinan estratexias cos Grupos de Acción Local do sector Pesqueiro para diversificar a economía das comunidades costeiras
O impulso desta modalidade turística permite divulgar o rico patrimonio material e inmaterial de Galicia vinculado aos oficios do mar e protexer a riqueza ambiental das rías
Santiago de Compostela, 28 de xuño de 2026
A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, e o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, mantiveron unha xuntanza cos responsables dos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) de Galicia co obxectivo de analizar de novas liñas de traballo conxuntas para avanzar no deseño dunha oferta turística ampla, diversificada e sustentable que responda aos máis altos estándares de calidade e excelencia da marca Galicia Calidade.
Durante a reunión, os representantes institucionais sinalaron que as Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP) que aplican os GALP teñen, entre os seus piares estruturais, a necesidade de diversificar a actividade económica e xerar novas oportunidades de emprego alternativo nas vilas e comunidades do noso litoral. É nese escenario de diversificación socioeconómica onde cobra especial relevancia o impulso do turismo mariñeiro na comunidade.
Esta aposta estratéxica polo turismo mariñeiro concíbese como unha ferramenta fundamental para divulgar de xeito directo o patrimonio material e inmaterial de Galicia estritamente vencellado ás actividades pesqueiras, marisqueiras e acuícolas tradicionais. Así mesmo, as liñas de acción conxuntas buscan poñer en valor a singular riqueza ambiental e o patrimonio natural que albergan as rías galegas, transformando o coñecemento e o respecto polo medio mariño nun motor de dinamización turística responsable e respectuoso co ecosistema.