Intervención do presidente da Xunta de Galicia na cerimonia de imposición das Medallas Castelao 2026
Santiago de Compostela, 28 de xuño de 2026
Señoras e señores, e sobre todo e principalmente os cinco galardoados e galardoadas, os grandes protagonistas como todos os anos das Medallas Castelao.
Corenta e dous anos despois da súa creación no ano 1984, cada 28 de xuño, dámonos cita neste acto solemne para impoñer as Medallas Castelao. Medallas coas que queremos render tributo a persoas e institucións que teñen destacado ao servizo de Galicia e das súas xentes. Que son, podemos escoitalo, protagonistas tamén de traxectorias persoais e profesionais exemplares e inspiradoras para o conxunto de todos nós.
Este acto institucional representa ao conxunto de Galicia. Unha Comunidade que é, somos, o resultado das achegas e dos esforzos de infinidade de persoas ao longo da nosa historia, aquí e na Galicia exterior.
Porque a Galicia dos nosos días non se pode entender, efectivamente, sen a Galicia da emigración. E por iso, estes días Galicia enteira vive, vivimos, co corazón encollido, pendentes das noticias terribles por desgraza, e máis segundo van avanzando as horas, que chegan de Venezuela, onde dous terremotos devastadores deixaron tras de si morte e desolación.
Por tanto, neste acto tan solemne, un abrazo moi afectuoso para o pobo de Venezuela, e tamén para a comunidade venezolana asentada en Galicia e que segue, seguimos todos, pero eles especialmente, esta desgraza con dor e coa impotencia da distancia.
Que todo o mundo teña a seguridade que a solidariedade de Galicia, a da sociedade galega e por suposto das súas institucións e administracións, está e estará nos vindeiros días e vindeiras semanas, especialmente ao carón de Venezuela para axudalos en todo o que poidamos.
Señoras e señores, as Medallas Castelao que hoxe impoñemos son tamén unha expresión do afianzamento da nosa autonomía.
Da man da súa autonomía, Galicia transitou nestas case cinco décadas pola etapa de maior estabilidade, de maior avance e de maior progreso de toda a nosa historia.
Porque democracia, autonomía e prosperidade camiñan e teñen que camiñar sempre da man.
Non hai atallos, por máis que determinados discursos, case sempre populistas, traten de convencernos do contrario.
Democracia, autonomía e honestidade son o mellor ecosistema no que cultivar a prosperidade e a estabilidade institucional, e temos a nosa historia, calquera etapa da nosa historia, para poder comprobar que é así.
Galicia en versos de Cabanillas é “Nai e señora”. E ese precisamente debe ser o noso primeiro e principal obxectivo, especialmente para todos aqueles que temos responsabilidades públicas baixo a cor política que sexa.
Cumprir con Galicia e servir ao interese de Galicia prescindido de dogmas, de prexuízos, de calquera cousa que non sexa buscar o interese xeral.
Galicia, Nai e Señora, á que nos debemos e pola que traballamos, sen privilexios respecto ás demais comunidades. Todas formamos parte de España, unha España que non pode admitir discriminacións como as que ás veces intentan impoñernos, e ás veces coa complicidade de quen pretende presentarse como exclusivo intérprete de sentimentos que son de todos.
No seu anverso, a Medalla que acabamos de impoñer reproduce, xunto á cruz aspada deseñada por Castelao, a inscrición DEUS FRATRESQUE GALLAECIAE (Deus e os irmáns de Galicia). Está tomada dun poema de Alfredo Brañas, pero ten unha mensaxe potentísima.
A España constitucional da que formamos parte non pode admitir intentos de discriminacións entre cidadáns ou entre os territorios que a integramos. Aínda que nolos intenten impoñer. Parafraseando precisamente os versos de Alfredo Brañas, “non somos (...), nin eles amos, nin servos nós”.
E polo tanto Galicia vai defender os seus dereitos agora e cara ao seu futuro.
Señoras e señores: as cinco persoas ás que acabamos de impoñerlles as Medallas Castelao neste ano 2026 constitúen, como dicía ao principio, unha extraordinaria representación da Galicia actual, con todo o que traemos do pasado e con todo o que temos cara ao futuro. Todos os anos.
Creo que os cinco galardoados e galardoadas o representan. Non é sinxelo. Non por falta de candidatos, senón precisamente por poder seleccionar entre todos os candidatos e candidatas posibles os que consideramos os mellores e os máis axeitados para representar a toda a sociedade galega.
Representan a unha Galicia xenerosa, que quere cultivar a excelencia, que desborda talento, e que se esforza cada día superando metas e traballando sen desmaio na Galicia territorial e na Galicia exterior, en todos aqueles lugares onde os galegos nos sentimos representados.
A Fundación Andrea, impulsada por Charo Barca logo dunha amarga experiencia persoal que ela mesma refería, lémbranos cada día a grandeza do ser humano, capaz -como fixo Charo- de sobrepoñerse á máis dura adversidade que é perder unha filla e converter esa adversidade nunha vontade para axudar a familias que están pasando polo mesmo e a pasar toda esa etapa durísima un pouquiño mellor.
Charo Barca e toda a gran familia que colabora coa Fundación Andrea fai realidade cada día esa lección de vida que a pequena Andrea seguro que lle deixou: amar e dar sen agardar nada a cambio, ou polo menos agardando que o tránsito desas persoas sexa o mellor posible. Moitísimas grazas Charo por todo ese traballo.
Esteban Batallán Cons, un dos trompetistas, como dicía Fontenla na súa presentación, máis recoñecidos da escena musical mundial; actuou e actúa coas orquestras máis prestixiosas do mundo e nos escenarios máis difíciles, máis competitivos e onde só teñen acceso os mellores, como Esteban.
El dicíao: formouse como músico en Galicia. Sorprende a moitas persoas que lle preguntan onde adquiriu ese virtuosismo. E probablemente teña moito que ver co seu ambiente familiar: un pai melómano -recordábao estes días nunha entrevista-; con dotes da natureza; pero sobre todo cunha capacidade de querer aprender e de superación que o levou ata onde está agora e ata onde queira chegar.
A súa traxectoria persoal pon de manifesto o valor do esforzo, a importancia da humildade, e a importancia tamén de aproveitar os recursos formativos dispoñibles aquí, na súa terra, que lle abriron as portas dun éxito que non coñece fronteiras.
Mar Capeáns Garrido, santiaguesa, doutora en Física pola Universidade de Santiago de Compostela, é a directora de operacións do CERN, o maior laboratorio de física de partículas do mundo, o máis prestixioso, con sede en Xenebra, onde ela traballa. A súa carreira científica representa a excelencia dos que aquí se formaron e foron polo mundo para acadar metas como as que ela acadou. Desde aquí, con todo o orgullo e sen perder as esencias.
Ela é a responsable do correcto funcionamento desa gran cidade da ciencia a nivel mundial que é o CERN, onde traballan miles de científicos de todo o mundo e onde unha galega ten enormes responsabilidades. Coa súa traxectoria, Mar certifica que desde Galicia se pode chegar a participar nos proxectos científicos máis ambiciosos do mundo, e ogallá que o seu exemplo sirva para reter o talento aquí en Galicia e atraer o talento que está noutros lugares a unha terra que cada vez ten máis prestixio no campo da investigación.
Adrián Ben Montenegro, de Viveiro como el recordaba orgullosamente. Especializado nas carreiras de medio fondo, é un dos atletas galegos máis laureados, con máis carisma, se mo permiten, e que fai que seguilo sexa toda unha ledicia, con recoñecementos en competicións celebradas en todo o mundo. A Medalla Castelao que acaba de recibir recoñece e valora o seu inmenso esforzo -para chegar onde el chegou hai que esforzarse moitísimo-, a súa capacidade de superación e sobre todo o exemplo dos valores que el representa, se mo permiten, case mellor que ninguén: disciplina, constancia, compañeirismo, capacidade de superación e habilitade para transmitir todo iso.
Adrián Ben, que celebra os seus éxitos co berro de “Vamos Carallo!”, por se alguén tiña algunha dúbida despois de escoitarlle o acento, lembra con frecuencia o sacrificio que fixo a súa familia para facilitar os seus adestramentos -facíao hoxe tamén- e a axuda de cantos contribuíron. Ese enorme equipo que o acompaña para que despois el de xeito individual nos poida dar esas alegrías. E amosa ademais que o éxito deportivo é o froito de moitos esforzos colectivos.
María Barallobre Tomé é unha figura emblemática, todos vostedes acaban de comprobalo, e que representa como ninguén esa esencia do que son as nosas empresas familiares, que empezan pouco a pouco, con moitísima forza vocacional e que pouco a pouco tamén vanse estendendo polo mundo. E que falan de Galicia, falan moi ben, e falan desde a súa esencia, con autenticidade e coa sinceridade (nalgunhas cousas, noutras non tanto, onde non foi con sinceridade foi con xenerosidade, quero dicilo). Pero fala e representa perfectamente o espírito galego que vai polo mundo.
Apostou pola gastronomía despois de moitísimos anos de docencia, despois de gañarse co esforzo que ela mesma contaba o título de mestra, e desde Coirós agora está en moitísimos sitios. Segue sendo unha mestra, pero é unha mestra admirada polo sector turístico galego que se sente orgullosa de que esa innovación, esa calidade e esa identidade que nunca perdeu agora nos represente polo mundo.
Polo tanto, cada un destes cinco galardoados e galardoadas coas Medallas Castelao 2026 constitúen os exemplos desa Galicia Calidade na que tanto insistimos e que precisa xusto iso: exemplos para entender o que é, o que somos, como traballamos, o que acadamos e como queremos facelo.
Eles fano con honestidade, con traballo duro e con vocación de excelencia, unha vocación radicalmente afastada, por iso ten éxito seguramente, de comportamentos e actitudes radicais que o único que fan é atentar contra o bo nome das persoas e institucións, contra ese sentidiño galego que busca da mesura con esforzo.
Unha Galicia que ten a lealdade institucional e o respecto ao ordenamento xurídico como norma de conduta, sen esquecer nunca que o importante é conseguir o benestar e a felicidade colectiva.
Unha Galicia que aposta polo si, e que non se pecha ás novas oportunidades que se nos ofrecen. Que pide respecto pero que abre os brazos a todos aqueles que queiran vir aquí a incrementar a nosa riqueza e o noso benestar.
Unha Galicia polo tanto aberta ao mundo, que explora novo horizontes para todo, tamén para as nosas industrias, que abre os brazos como dicía a empresas e profesionais do país, aos que veñen de fóra e por suposto aos galegos da diáspora. E que lles di que se queren regresar á terra dos seus maiores para desenvolver aquí un proxecto de vida baseado no traballo, o esforzo e a integración aquí sempre van ter as portas abertas.
Falamos tamén dunha Galicia que cultiva os valores do esforzo e da excelencia, e que é consciente, somos conscientes, de que o éxito neste mundo tan competitivo no que estamos, e no que está por vir, virá da man da ciencia, da innovación, da preservación dos recursos naturais que nos foron legados e desa maneira de ser que os nosos pais, os nosos antepasados, nos transmitiron, que vai de xeración en xeración e que temos a obriga de transmitir aos que veñan detrás de nós.
Unha Galicia que nin quere nin pode deixar a ninguén atrás, que ten que coidar especialmente a aqueles que máis o precisan: os nenos e nenas; as persoas maiores; os que teñen problemas de saúde; os que teñen algún tipo de discapacidade. Necesitan e confían en recibir a axuda de todos nós.
Unha Galicia, en suma, que é a achega de todos e con todos aspira a contar.
Unha Galicia que hoxe se sentiu, creo sinceramente, perfectamente representada por estes cinco galardoados, que se sinte moi orgullosa e que hoxe lle recoñece o seu traballo que representa a tanta xente.
Moitísimas grazas