Belén do Campo supervisa la puesta a punto de los albergues juveniles de Virxe do Loreto y Espiñeira ante el inicio de la campaña de verano el 1 de julio, que ofertarán 1.218 plazas

La delegada recordó que estas actividades forman parte de la campaña Modo Verano Activo, que alcanza este año en la comarca del Barbanza 1.288 plazas entre campamentos, minicampamentos "Conoce Galicia", campos de voluntariado, y uso de instalaciones por entidades juveniles y actividades de ocio alternativo

Porto do Son/Boiro (A Coruña), 29 de xuño de 2026

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, acompañada polo director territorial da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, Severino Álvarez, visitou esta mañá o complexo xuvenil Virxe do Loreto, en Porto do Son, e o albergue Espiñeira, de Boiro, para supervisar a posta a punto das súas instalacións poucos días antes do inicio da campaña de verán, este mércores 1 de xullo, na que centos de nenos e nenas poderán gozar do seu tempo de lecer a través das actividades organizadas pola Xunta de Galicia. A delegada lembrou que estas actividades forman parte da campaña Modo Verán Activo, que alcanza este ano na comarca do Barbanza 1.288 prazas entre campamentos, minicampamentos "Coñece Galicia", campos de voluntariado, uso de instalacións por entidades xuvenís e actividades de ocio alternativo.

Durante a visita, a representante do Goberno galego comprobou as melloras realizadas nos dous complexos, co obxectivo de ofrecer unhas instalacións mellor equipadas, seguras e adaptadas ás necesidades dos participantes. As diferentes actuacións levadas a cabo en ambas as dúas instalacións ascenderon a máis de 150.000 euros.

Albergue Xuvenil Virxe do Loreto de Porto do Son

No Albergue Xuvenil Virxe do Loreto de Porto do Son, entre os traballos realizados, por un importe de case 50.000 euros, destacan o pintado das fachadas exteriores, a execución de actuacións de fontanaría, así como labores de poda sanitaria e tala da vexetación existente. Ademais, procedeuse á reparación das tendas de campaña e á substitución das lúas de distintas dependencias, concretamente nos cuartos de enfermería e nos baños.

No relativo á dotación de equipamento, adquiríronse cinco lonas para tendas de campaña e cincuenta fundas para colchonetas. Tamén se instalaron estores na sala de actividades e renovouse parte do mobiliario coa incorporación de catro camas, dúas liteiras e un sofá de tres prazas.

Así mesmo, reforzouse o equipamento destinado aos servizos de cociña mediante a adquisición dunha batidora industrial e dun abrelatas industrial, completándose as melloras cun novo altofalante portátil para o desenvolvemento das actividades programadas.

No caso do Albergue Virxe do Loreto desenvolverase o campamento Natureza xunto ao mar, con catro quendas de 10 días e un total de 480 prazas. Ademais, tamén se oferta a cesión de uso das instalacións por entidades xuvenís para desenvolver programas de lecer educativo e de tempo libre durante a campaña de verán de 2026, do 26 de agosto ao 4 de setembro. Esta actividade conta cunha oferta total de 600 prazas.

Campamento de Espiñeira de Boiro

No campamento de Espiñeira de Boiro, entre as actuacións realizadas, por un importe de case 105.000 euros, destacan o acondicionamento integral da instalación eléctrica, así como a colocación de nova iluminación e focos na pista deportiva. Así mesmo, instalouse un sistema de toldos verticais para o peche do alpendre do comedor, mellorando a súa funcionalidade e aproveitamento.

Tamén se acometeu a adecuación da entrada do campamento e a limpeza do camiño de acceso, xunto coa substitución do peche de entrada e da persiana metálica do comedor.

Ademais, leváronse a cabo traballos de limpeza do tellado e dos canalóns, o pintado das reixas de todas as ventás e portas metálicas e actuacións de pintura interior na casa da xerencia. As tarefas de mantemento completáronse con labores de poda sanitaria e tala da vexetación e coa reparación das tendas de campaña.

No ámbito do equipamento, o campamento incorporou dúas lonas para tendas de campaña e corenta fundas para colchonetas, ademais de renovar parte do mobiliario coa adquisición de catro camas e catro colchóns. As melloras completáronse coa incorporación dunha lavadora, unha secadora, novo enxoval, dous carros de cociña e 92 cadeiras apilables multiúsos. Ademais, colocáronse papeleiras no exterior das instalacións, contribuíndo a reforzar a limpeza e a sustentabilidade do recinto, así como un novo cartel identificativo do campamento.

Estas actuacións permiten seguir avanzando na renovación e conservación destes campamentos, garantindo espazos máis cómodos, seguros e axeitados para o desenvolvemento das actividades xuvenís.

O campamento Espiñeira acollerá a actividade Candilexas (4 quendas e 480 prazas) en quendas de 10 días. Ademais, a proposta Talentia ofertará unha quenda de 10 días e 18 prazas. Este albergue conta tamén cunha cesión de uso das instalacións por entidades xuvenís para desenvolver programas de lecer educativo e de tempo libre durante a campaña de verán de 2026, do 26 de agosto ao 4 de setembro. En total, este recinto ofertará 618 prazas.

En conxunto, entre ambas as dúas instalacións, ofreceranse preto de 1.218 prazas.

Campaña Modo Verán Activo Barbanza

A delegada da Xunta destacou que na comarca do Barbanza ofértanse en total 1.288 prazas entre as catro modalidades incluídas dentro da campaña Modo Verán Activo, das cales 978 son prazas nos campamentos de Virxe do Loreto e Espiñeira para nenos e mozos de entre 9 e 17 anos.

Ademais, dentro da convocatoria de “Minicampamentos Coñece Galicia”, que se desenvolven en aloxamentos turísticos de toda Galicia para nenos de entre 9 e 12 anos, en quendas de cinco días de luns a venres, concretamente na comarca do Barbanza ofértase o hotel Portofino, en Porto do Son, para a actividade O Son das Furnas, con dúas quendas de 20 prazas no mes de xullo.

Os campos de voluntariado tamén ofertan na comarca do Barbanza un campo en Boiro, “Amicos”, con 15 prazas do 12 ao 23 de xullo, e outro en Outes, “Lembrando a nosa pegada”, nas mesmas datas e co mesmo número de prazas para a mocidade de entre 18 e 30 anos.

E, finalmente, ofértanse 240 prazas dentro da cesión de instalacións a entidades xuvenís para desenvolver programas de lecer educativo e de tempo libre durante a campaña de verán de 2026 tamén nos albergues de Virxe do Loreto e Espiñeira.

Campaña en Galicia

Esta campaña alcanza este ano as 11.932 prazas en Galicia en todas as súas modalidades (campamentos, minicampamentos "Coñece Galicia", campos de voluntariado, programas de intercambio con outras comunidades autónomas, uso de instalacións por entidades xuvenís e actividades de ocio alternativo), a cifra máis elevada da súa historia, con 300 máis que na edición anterior e cun investimento de 5,5 millóns de euros.

A delegada tamén destacou que na provincia da Coruña ofértanse 3.745 prazas, das cales 2.925 son para campamentos, incluíndo as quendas específicas para persoas con discapacidade en 11 instalacións coruñesas nos meses de xullo, agosto e setembro.

Neste sentido, subliñou que “Galicia segue consolidándose como un referente en España pola calidade das súas propostas lúdicas, culturais, deportivas e formativas”.

A representante do Executivo autonómico destacou tamén que “sempre apostamos por unha campaña plenamente integradora e inclusiva, na que todos os nenos e nenas e mozos e mozas poidan participar en igualdade de condicións”, e puxo en valor o traballo coordinado entre as distintas consellerías implicadas na organización desta programación estival.

Imágenes relacionadas

Fecha de actualización: 29/06/2026