O titular de Sanidade clausurou esta tarde en Vigo a segunda edición do proxecto VIH Ciencia Aberta, que impulsa o Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur

Gómez Caamaño pon en valor a arte como ferramenta para a divulgación científica e sanitaria no marco da iniciativa VIH Ciencia Aberta, de sensibilización e desestigmatización sobre este virus

Salienta a importancia de conxugar investigación, sanidade, educación e cultura para sensibilizar á sociedade sobre os prexuízos existentes ao redor deste virus

A Xunta destina un orzamento de 195 millóns de euros para o desenvolvemento do Plan galego de infeccións de transmisión sexual 2026-2030

A Xunta está aliñada co obxectivo fixado polos organismos internacionais para eliminar as infección de transmisión sexual como problema de Saúde Pública de cara ao ano 2030

Vigo, 29 de xuño de 2026

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, destacou esta tarde o valor da arte como ferramenta de divulgación científica e sanitaria, durante o acto de clausura da segunda edición do proxecto VIH Ciencia Aberta, co que o Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur busca contribuír a superar o estigma fronte ao VIH. 

O responsable autonómico salientou a importancia de conxugar investigación, sanidade, educación e cultura na procura de divulgar o coñecemento e de sensibilizar á sociedade sobre os prexuízos existentes ao redor deste virus.

Así, e durante un acto no que Gómez Caamaño presenciou as últimas pinceladas realizadas polo artista Marcos Míguez sobre o mural elaborado xunto cos investigadores do VIH, o conselleiro remarcou a capacidade extraordinaria que posúe a arte para comunicar e tender pontes entre a ciencia e a cidadanía.

Acompañado pola directora do Centro Galego de Prevención e Control de Enfermidades, Marta Piñeiro, o conselleiro trasladou o compromiso da Xunta na loita contra as enfermidades de transmisión sexual (ITS). Para iso está a desenvolver o Plan galego de infeccións de transmisión sexual 2026-20230, unha estratexia que conta cun investimento de 195 millóns de euros ata o ano 2030.  

Na compaña do xerente da área sanitaria de Vigo, Javier Puente, e da directora do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, Eva Póveda, o titular de Sanidade apuntou que este plan ten como obxectivo acadar unha redución anual do 5 % na incidencia de cada unha destas infeccións. Deste xeito, Galicia situaríase no horizonte fixado polos organismos internacionais, en 2030, no obxectivo de erradicar este tipo de patoloxías como problema de saúde pública.

O Plan galego de infeccións de transmisión sexual 2026-20230 aborda de forma integral as infeccións de transmisión sexual prestando especial atención a catro eixes: a prevención, o diagnóstico precoz, o tratamento eficaz e a atención á cronicidade.

Tras recoñecer o traballo desenvolto polo Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur e a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía neste proxecto VIH Ciencia Aberta, Gómez Caamaño lembrou a tendencia crecente que están a rexistrar estas infeccións de transmisión sexual na actualidade, polo que apelou á responsabilidade das administracións e da propia sociedade para avanzar cara o obxectivo fixado da súa erradicación. 

Na súa intervención no acto, a directora científica do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, Eva Poveda, subliñou que o proxecto nace da idea de que “os avances en VIH necesitan ciencia excelente, pero tamén se deben trasladar á sociedade e converterse en formatos educativos e divulgativos que cheguen á cidadanía, respondan ás súas necesidades reais e contribúan a construír unha mirada máis informada e libre de prexuízos”.

Neste sentido, Eva Poveda, destacou que este proxecto demostra que “a ciencia conversa, debúllase, escoitase, píntase e vive; e cando iso sucede, a investigación convértese nunha ferramenta moito máis poderosa”, remarcou. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/06/2026