A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, e o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, participaron na Comisión de Seguimento co Concello de Santiago para a ordenación e mellora da accesibilidade do Clínico

A Xunta construirá un novo aparcamento de 1.500 prazas para o CHUS e propón ao concello de Santiago habilitar outro provisional de 500 prazas

A Administración autonómica traballa na delimitación do ámbito do PIA que permitirá reordenar a contorna do CHUS para ampliar as zonas de aparcamento e mellorar o sistema viario e de accesos, coa previsión de que a súa redacción estea finalizada a finais deste ano ou principios do 2027

A mellora do sistema viario prevé unha nova glorieta na Choupana, así como accesos, entre eles un ao noroeste que conecta o Periférico coa avenida Mestre Mateo, zonas de aparcamento e a integración urbana e paisaxística do conxunto

A consultora xa está redactando o proxecto do futuro aparcamento situado entre o CHUS e a avenida Mestre Mateo e terá ao menos 6 plantas

Aproveitando a oportunidade estratéxica que supón o PIA, a Consellería de Sanidade planifica con máis ambición o futuro do hospital priorizando a necesidade máis apremiante do hospital, a ampliación das urxencias, ademais de apostar por un crecemento máis ordenado

Tal e como detallou Gómez Caamaño, de forma inmediata iniciarase o proceso para licitar a redacción do novo proxecto do edificio A coa ampliación das urxencias, para ter listo o proxecto o vindeiro ano e, a partir de aí, licitar as obras

O Goberno galego está a ultimar as obras do edificio C e avanza no seu equipamento por importe de 5,7 M€ co obxectivo de poñelo en servizo este ano

Santiago de Compostela, 30 de xuño de 2026

A Xunta construirá un novo aparcamento de 1.500 prazas para o Complexo Hospitalario, e propón ao Concello colaborar a través dun convenio na habilitación dun estacionamento provisional de 500 prazas. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, e o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, xunto a técnicos de ambos departamentos, participaron hoxe na Comisión de Seguimento do protocolo de colaboración entre a Xunta e o Concello de Santiago para a ordenación e mellora da accesibilidade do CHUS.

Nesta reunión, abordouse o avance do Proxecto de Interese Autonómico (PIA) cuxa redacción está en fase de elaboración pola adxudicataria Proyfe e que reordenará o ámbito da contorna do CHUS para ampliar as zonas de aparcamento, mellorar o sistema viario e de accesos, así como a mobilidade interna, coa previsión de que estea listo a finais deste ano ou principios do 2027. E tratáronse tamén os proxectos que se desenvolven de xeito paralelo, coma a conexión co Hospital na Choupana coa creación dunha glorieta, cuxo proxecto estará listo no vindeiro mes de xullo.

Deste xeito, como explicou a conselleira Allegue, búscase conformar unha rede viaria axeitada que dea servizo ao complexo hospitalario, así como novos accesos e zonas de aparcamento e a integración urbana e paisaxística do conxunto.

En concreto, a mellora do sistema viario, como detallou a directora da Axencia Galega de Infraestruturas, María Deza, implicará un novo acceso ao noroeste do CHUS, que conecta o Periférico coa Avenida Mestre Mateo, un acceso sur dende a rúa Choupana e outros dous accesos norte e oeste.

E, no caso dos aparcadoiros, está prevista a construción do citado estacionamento na zona noroeste, entre o CHUS e a avenida Mestre Mateo. Este aparcadoiro terá  ao menos 6 plantas e posibilitará arredor de 1.500 novas prazas. A consultora xa está redactando o proxecto e prevese licitar a execución de obra unha vez aprobado definitivamente o PIA.

A Xunta remitirá ao Concello a documentación para a conformidade e, unha vez acadada a mesma, elevarase o Proxecto á aprobación do Consello da Xunta previsiblemente en xullo, para comezar posteriormente a tramitación urbanística e ambiental. Estímase que se aprobará inicialmente para información pública antes de que remate este ano e a aprobación definitiva no 2027.

Mentres duren as obras, a Xunta aposta por habilitar aparcamentos provisionais, con 500 prazas, polo que vén de propoñer ao Concello de Santiago un convenio para localizar parcelas na área do CHUS susceptibles de converter en zonas de estacionamento.

No que atinxe aos proxectos para a integración urbana e paisaxística, suporán unha reordenación e potenciación do carácter de praza pública e espazo peonil da contorna do CHUS, coa dotación de zonas verdes como elementos de integración visual, acústica e de estancia.

Maior ambición para o futuro do hospital

Pola súa banda, o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, adiantou que, aproveitando a oportunidade estratéxica que supón o PIA, a Consellería de Sanidade apostou por planificar con maior ambición o futuro do hospital, priorizando a resposta á necesidade máis apremiante, a ampliación das urxencias. Así apóstase por un crecemento máis ordenado do hospital a curto, medio e longo prazo, desde o punto de vista dos fluxos e das comunicacións e tanto para pacientes como para profesionais.

Explicou que, deste xeito, a ampliación inmediata que se propón no edificio A vai supoñer a execución de 5 andares, desde a planta -4 á planta 0: no nivel 0 situarase a área de endoscopias e a unidade de cirurxía maior ambulatoria; no -1, o bloque cirúrxico con 6-7 quirófanos e área de espertar; no andar -2, ampliaranse as urxencias, á par que se reformarán as existentes no edificio actual; no piso -3, ampliaranse os laboratorios; e no andar -4 ampliarase a zona de residuos e crear os espazos necesarios para as instalacións de toda a ampliación do espazo hospitalario.

Tal e como detallou o titular de Sanidade, de forma inmediata iniciarase o proceso para licitar a redacción do novo proxecto do edificio A coa ampliación das urxencias, co obxectivo de ter listo ese novo proxecto o vindeiro ano e, a partir de aí, licitar as obras.

Subliñou que con esta decisión, ademais de reforzar as urxencias se reordena o crecemento do hospital, xa que o PIA permite pasar dunha ampliación illada e condicionada polo actual edificio a unha planificación global do complexo hospitalario que abrangue accesos, aparcadoiros, novos espazos asistenciais e, ante todo, permite o crecemento futuro. Pasamos, incidiu, “dun modelo de crecemento puntual a un modelo de crecemento ordenado, racional e pensado a curto, medio e longo prazo”. 

Gómez Caamaño lembrou que nestes momentos se están a ultimar os traballos do edificio C e que, tal e como se acordou no Consello da Xunta de onte, entre os meses de xullo e de agosto quedarán licitados os contratos, por importe de 5,7 millóns de euros, para a dotación de equipamento co obxectivo de poder poñer en servizo este novo espazo hospitalario antes de que remate o ano.

Explicou, ademais, que entre finais deste 2026 e principios de 2027 a sanidade pública galega acadará o fito de poder estar tratando pacientes no Centro de Protonterapia de Galicia, que supuxo un investimento de 60 millóns de euros, tendo en conta a achega da Fundación Amancio Ortega.

 

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/06/2026