A ambulancia medicalizada do 061 con base en Sanxenxo prestará asistencia sanitaria desde o 1 de xullo ata o 31 de agosto
Durante o período vacacional, a poboación dos concellos da zona aumenta debido ao turismo, que provoca grandes fluxos de circulación polas estradas, que incrementan a sinistralidade viaria
Unha ambulancia asistencial de soporte vital básico con base no concello de Vilagarcía de Arousa dará tamén cobertura sanitaria á comarca do Salnés
Sanxenxo (Pontevedra), 30 de xuño de 2026
A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, incorpora, como cada ano, desde o 1 de xullo ás 9,00 horas e ata o 31 de agosto, unha ambulancia asistencial de soporte vital avanzado con base no concello de Sanxenxo, debido ao aumento da poboación estacional na zona durante o período estival.
En xullo e agosto a poboación destes concellos aumenta debido ao turismo e provoca a existencia de grandes fluxos de circulación polas estradas que incrementan a sinistralidade por accidentes de tráfico. Así mesmo, o incremento poboacional na zona supón un aumento da atención ás urxencias e ás emerxencias sanitarias extrahospitalarias por causas como alteracións da consciencia, convulsións e problemas respiratorios, entre outros.
Deste xeito, o 061 de Galicia contará nestes meses cunha ambulancia asistencial de soporte vital avanzado no centro de saúde de Baltar, situado entre as localidades de Sanxenxo e Portonovo, que dará cobertura sanitaria aos concellos de Sanxenxo, Cambados, O Grove, Meaño, Meis, A Illa de Arousa, Vilanova de Arousa, Vilagarcía de Arousa e Ribadumia durante as 24 horas do día. O equipamento deste recurso permite prestar asistencia médica sobre o terreo a pacientes de extrema gravidade e asistilos durante o traslado ao centro hospitalario.
Ambulancia de soporte vital básico en Vilagarcía
Ademais, desde Urxencias Sanitarias de Galicia-061 reforzarase, tamén, a cobertura sanitaria na comarca do Salnés cunha ambulancia asistencial de soporte vital básico con base no concello de Vilagarcía de Arousa. Este recurso sanitario, para a atención ás urxencias e ás emerxencias fóra do ámbito hospitalario, prestará asistencia sanitaria desde o día 1 de xullo e ata o 31 de agosto.
Esta ambulancia conta cunha dotación de dous técnicos en emerxencias sanitarias, e, como o resto de unidades asistenciais da rede de transporte sanitario urxente do 061, está dotada cun desfibrilador externo semiautomático (DESA).
Cómpre lembrar que Urxencias Sanitarias de Galicia-061 é o servizo de referencia para a atención ás urxencias e ás emerxencias fóra do ámbito hospitalario, que garante a resposta precisa ás necesidades de consulta e á asistencia sanitaria urxente en calquera punto de Galicia ás 24 horas os 365 días do ano.