A Xunta avanzará na apertura de locais en Ribadavia no marco do novo programa ‘Domingos Vivos’ do proxecto de dinamización comercial Vilas Vivas

O próximo domingo 5 de xullo haberá unha ampla programación cultural —que incluirá música, obradoiros, catas e rutas guiadas— co gallo de complementar a aposta polo comercio local e a apertura de novos negocios na vila

Como proxecto piloto en colaboración co Concello de Ribadavia que logo se prevé estender por Galicia, Vilas Vivas busca recuperar a actividade comercial do casco histórico ribadaviense, coa previsión de ter operativos 15 locais novos este ano

Máis aló da Casa da Artesanía de Galicia, xa están en marcha diversos negocios de produtos agroalimentarios e artesanais e unha tenda efémera, aos que se sumarán dous máis este domingo, en concreto, unha viñoteca e un espazo inclusivo

Santiago de Compostela, 30 de xuño de 2025

A Xunta de Galicia avanzará na apertura de novos locais con diferentes propostas comerciais no marco do proxecto de dinamización Vilas Vivas impulsado de xeito piloto en Ribadavia en colaboración co Concello. Será ao abeiro do programa Domingos Vivos, que arrancará este 5 de xullo cunha ampla programación cultural —que incluirá música, obradoiros, catas e rutas guiadas— co gallo de complementar a aposta polo comercio local.

Máis aló da Casa da Artesanía de Galicia —que desde a súa apertura o pasado Nadal se está a consolidar como espazo permanente para a posta en valor dos oficios tradicionais e a comercialización de artesanía—, xa están en marcha diversos negocios de produtos agroalimentarios e artesanais e unha tenda efémera, aos que se sumarán dous máis este domingo, en concreto, unha viñoteca e un espazo inclusivo. Proximamente están previstas novas aperturas ao público, principalmente de tendas do sector téxtil, ás que cómpre engadir as melloras impulsadas noutros negocios no marco do proxecto Vilas Vivas, co fin de darlle pulo ao comercio ribadaviense.

Todo no marco de Vilas Vivas, a iniciativa autonómica concibida para revitalizar cascos históricos singulares, con potencial turístico e cunha produción local senlleira como motor económico a través da rehabilitación de baixos en desuso e da súa posta a disposición das persoas comerciantes e artesás. No caso deste piloto, prevese abrir este ano un total de 15 establecementos distribuídos por tres rúas e prazas do casco histórico. 

Domingos Vivos

Este domingo a programación cultural arrancará cunha combinación de música na rúa —na praza de San Xoán— con degustacións gastronómicas en parte dos locais abertos no marco de Vilas Vivas. A programación especial repetirase con diferentes protagonistas cada primeiro domingo do mes, coa finalidade de dinamizar o consumo de proximidade nun ambiente festivo. 

Dentro da iniciativa autonómica en colaboración co Concello de Ribadavia, tamén haberá rutas guiadas gratuítas pola vila, que arrancarán este venres, día 4, e se repetirán durante todo o mes de xullo. Unha delas céntrase na pegada da época medieval e da poboación xudía no casco histórico, e a outra visita os grandes mosteiros e igrexas da comarca. As 240 primeiras prazas serán gratuítas e poderán reservarse por teléfono (675 558 545) ou a través da páxina da empresa Genuine Galicia. 

A partir do 20 de xullo, os clientes dos establecementos adheridos poderán solicitar ademais o seu rasca para entrar no sorteo de 1.000 premios que van desde descontos nas tendas, botellas de viño do Ribeiro a estancias en hoteis e balnearios. Os boletos non premiados poderán participar nun sorteo semanal que se celebrará todos os Domingos Vivos na praza de San Xoán ás 11,30 horas.

Data de actualización: 30/06/2026