O presidente da Xunta participou no acto polo primeiro aniversario da asunción de competencias por parte do Goberno galego

Rueda pon en valor a xestión autonómica do litoral como a mellor garantía para protexer o territorio ao tempo que se impulsa a economía da costa galega

“Vivimos na costa e podemos vivir da costa, coidándoa e preservándoa para desfrutar nós e os que nos visitan”", indica

Salienta a axilidade lograda nos trámites con máis de 1.800 concesións e autorizacións resoltas neste primeiro ano grazas á simplificación administrativa

Resalta a seguridade xurídica que teñen agora as industrias da cadea mar-industria ou a aposta por ampliar os establecementos de tempada

O Camiño do Litoral, cuxa APP e sinalización oficial presentáronse hoxe, estará operativo a partir do vindeiro mes

Muxía (A Coruña), 1 de xullo de 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe que o primeiro ano de xestión autonómica plena do litoral permitiu demostrar que na costa galega é posible unha maior seguridade xurídica e un maior dinamismo económico ao tempo que se garante a máxima protección do territorio. “Vivimos na costa e podemos vivir da costa, coidándoa e preservándoa para desfrutar nós, os que nos visitan agora e no futuro”, resaltou tras lembrar que Galicia é “a comunidade con máis quilómetros de litoral”.

Durante o acto conmemorativo deste fito, no que estivo acompañado pola conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, o titular do Goberno galego subliñou que esta xestión directa supuxo un pulo fundamental para a estabilidade da cadea mar-industria, asegurando a viabilidade de instalacións estratéxicas como conserveiras, depuradoras e estaleiros, así como doutras empresas ligadas ao turismo e á hostalería. “Empresas que precisan medrar e modernizarse onde sempre estiveron e que son as primeiras interesadas en coidar este tesouro que é a nosa costa”, indicou.

Rueda resaltou tamén a axilidade á hora de outorgar permisos e concesións. A asunción desta competencia posibilitou a resolución de máis de 1.800 concesións e autorizacións grazas á simplificación administrativa de xeito dixital e á unificación de taxas. Ademais, a Administración autonómica fomentou a actividade turística autorizando por primeira vez este ano a apertura ininterrompida de máis de 900 servizos de tempada desde a Semana Santa ata o 31 de outubro. “Con axudas para que os establecementos sexan máis bonitos e sexan un recurso que fale desa Galicia Calidade”, indicou.

Outra das iniciativas ideadas neste ano pola Xunta foi o Camiño do Litoral, do cal se presentou hoxe tamén a aplicación oficial e elementos de sinalización. Esta ruta, que se porá en servizo o vindeiro mes, abrangue 1.300 quilómetros divididos en 52 etapas, conectando 78 concellos desde Ribadeo ata A Guarda para poñer en valor o patrimonio, a paisaxe e a gastronomía da costa máis longa de España. 

Por último, o presidente agradeceu o traballo realizado neste primeiro ano de plena autoxestión do litoral e animou a seguir colaborando para avanzar e mellorar na xestión da costa.

 

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/07/2026