A Xunta reafirma o seu compromiso co Burela FS e mantén o apoio ao club para a próxima tempada
Lugo, 1 de xullo de 2026
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, reafirmou o compromiso do Goberno galego co Burela FS e confirmou que o Executivo autonómico manterá o seu apoio ao club na próxima tempada.
Villares lembrou que o Goberno galego vén prestando “un respaldo continuado” ao club burelés e explicou que seguirá existindo apoio de cara á vindeira tempada a través das distintas liñas de axudas, a maiores doutras posibles colaboracións puntuais vinculadas a iniciativas promovidas pola entidade.
Explicou que esta colaboración se enmarca na aposta da Xunta polo deporte galego e no respaldo que ofrece ao conxunto dos clubs da comunidade.
O representante autonómico amosou a súa satisfacción pola confirmación da inscrición para a próxima tempada dos equipos feminino e masculino do Burela FS, ao que cualificou como “un referente do noso deporte polos seus éxitos deportivos, polo seu firme compromiso coa base e polo importante labor social que desenvolve”.
Nese contexto, e ante a situación excepcional que atravesa a entidade, o delegado insistiu en que “a Xunta vai seguir ao seu carón, como estivo ata agora, apoiando a un club histórico e un dos grandes embaixadores do deporte galego». Engadiu que, “se algunha administración quere realizar unha achega extraordinaria para contribuír á estabilidade do club, que o faga, sen condicionantes e sen quedar supeditada ao que poidan facer os demais”.
Villares incidiu tamén na necesidade de que o propio Burela FS continúe avanzando no proceso de reestruturación interna iniciado e buscando financiamento privado, co obxectivo de consolidar un modelo de xestión máis eficiente e sostible a longo prazo.
Así mesmo, apelou á administración local a “valorar un apoio máis decidido” á entidade ante a situación que atravesa, “tendo en conta o importante retorno deportivo, social, económico e de promoción que durante preto de dúas décadas xerou, e segue a xerar, para o municipio”. Villares destacou que “é unha honra para todos, pero dun xeito especial para un concello como o de Burela, contar con dous equipos que competiron durante tantos anos na elite do fútbol sala e proxectaron a imaxe do municipio por todo o mundo”, e puxo tamén en valor a “gran repercusión local” das súas Escolas Deportivas, “que congregan a ducias de nenos e mozos do municipio, e representan unha das canteiras máis importantes de Galicia”