O presidente da Xunta asistiu ao acto de entrega da Medalla de Ouro da Real Academia Galega de Ciencias a esta entidade

Rueda destaca a aposta da Fundación Barrié pola educación e a ciencia como piares para contribuír ao desenvolvemento de Galicia

Salienta o seu apoio a estudantes e investigadores para mellorar a súa formación e axudalos a desenvolver todo o seu potencial

Aposta pola colaboración de todos os axentes -expertos, administracións e sector privado- para avanzar cara a unha Galicia máis innovadora e competitiva

Resalta o compromiso da Xunta coa I+G+i a través do Plan de investigación, dotado de 1.300 millóns de euros ata 2027, ou a nova Estratexia de Biotecnoloxía

Santiago de Compostela, 1 de xullo de 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou esta tarde o gran labor que realiza desde hai décadas a Fundación Barrié no eido da educación, a ciencia e a investigación co que contribúe ao desenvolvemento social e económico de Galicia. 

Durante a entrega da Medalla de Ouro da Real Academia Galega de Ciencias á Fundación Barrié, Rueda salientou a aposta da entidade por investir en talento e coñecemento e lembrou que leva apoiados a centos de estudantes ou investigadores para medrar, formarse ou desenvolver todo o seu potencial. 

Rueda asegurou que investir en ciencia é investir en futuro e salientou a importancia de que administracións, expertos, entidades e sector privado colaboren para avanzar cara a unha Galicia máis forte, competitiva e preparada para os retos do mañá a través da investigación feita na comunidade, a I+G+i.

Nesta liña, salientou o novo Plan de investigación de Galicia, dotado de 1.300 millóns de euros ata 2027; a Fundación Galtia, coa que se busca atraer a investigadores de primeiro nivel para que desenvolvan a súa carreira na comunidade, ou a recentemente aprobada Estratexia da Biotecnoloxía para consolidar Galicia neste sector.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/07/2026