A conselleira de Política Social e Igualdade visitou esta mañá en Mazaricos o comercio dunha das beneficiarias da convocatoria de 2025
Fabiola García anuncia que as mulleres emprendedoras poderán solicitar desde o luns as axudas do programa Emega
A Xunta destina 5 millóns de euros a estas achegas, das que se estima que se poidan beneficiar máis de 350 proxectos empresariais liderados por mulleres
Esta iniciativa presta especial atención as emprendedoras do rural, as maiores de 55 anos e as que desenvolven a súa actividade en sectores masculinizados
Mazaricos (A Coruña), 2 de xullo de 2026
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, acompañada do deputado provincial José Manuel Caamaño, anunciou hoxe que as mulleres emprendedoras poderán pedir desde o vindeiro luns as axudas da nova convocatoria do programa Emega. Fíxoo na súa visita ao comercio RC Moda e Complementos de Mazaricos, cuxa propietaria é unha das beneficiarias de 2025.
A conselleira debullou as liñas básicas destas achegas, ás que a Xunta destina 5 millóns de euros. Estímase que con estes fondos se subvencionarán máis de 350 proxectos empresariais liderados por mulleres e incentivarán a creación de máis de 600 empregos.
Deste modo, destacou que na convocatoria deste ano se manteñen as catro modalidades de axuda de edicións anteriores: Emerxe, con contías de ata 22.000 euros para novas iniciativas empresariais e creación de emprego feminino estable; Impulsa, con ata 17.000 euros e dirixidas a favorecer a reactivación e consolidación de empresas constituídas por mulleres; Innova, con ata 42.000 euros, para iniciativas con contido científico ou base tecnolóxica; e Concilia, unha axuda complementaria das anteriores de ata 5.000 euros para promover a conciliación das emprendedoras e das traballadoras.
Fabiola García incidiu neste último punto, resaltando que favorecer a conciliación da vida persoal, familiar e laboral é un dos obxectivos de Emega. Ademais, o programa presta especial atención as mulleres que emprenden no rural, as maiores de 55 anos e as que desenvolven a súa actividade en sectores masculinizados.
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicará maña venres, 3 de xullo, a orde de axudas do programa Emega deste ano e, a continuación, abrirase un prazo dun mes para a presentación de solicitudes.