A Xunta reivindica o rigor científico e a prevención no desenvolvemento de accións contra a presenza da alga asiática
Ángeles V. Suárez destaca funcionamento do Plan de Xestión da Biomasa e os dous millóns de euros activados en liñas de axuda para o control de especies invasoras
O Goberno galego enmarca as actuacións en ferramentas de vangarda coma o proxecto Algadet de ADN ambiental ou a plataforma Redogal, respectando de forma estrita o marco competencial de cada administración
Santiago de Compostela, 2 de xullo de 2026.
A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, destacou hoxe na Comisión 8ª, Pesca e Marisqueo do Parlamento a rápida e ordenada actuación da Consellería do Mar ante a problemática da alga asiática (Rugulopteryx okamurae). A responsable autonómica puxo en valor a actuación do Executivo autonómico e clarificou o marco xurídico vixente, lembrando que a declaración de especies exóticas e as estratexias xerais son competencia exclusiva da Administración Xeral do Estado, mentres que as tarefas de limpeza de praias corresponden legalmente ás entidades locais.
Nese escenario, subliñou que a Xunta cumpre escrupulosamente coas súas atribucións protexendo os bancos marisqueiros e as capturas do sector cunha estratexia baseada no rigor científico. Tamén explicou que, dende os primeiros avistamentos en xuño de 2024 nas costas da Coruña e Pontevedra, a resposta galega foi inmediata a través de dúas liñas de traballo paralelas.
A primeira delas materializouse na creación dun grupo de traballo interdepartamental que deu como froito o Plan de Xestión da Biomasa de Galicia, aprobado no pasado ano 2025. Este plan estratéxico funciona para coordinar de forma eficaz todas as fases da biomasa extraída polo sector —desde a súa recollida, transporte e almacenamento ata a súa disposición final— co obxectivo de garantir que estes residuos vexetais non volvan en ningún caso ao medio mariño, protocolizando as accións e avaliando os impactos socioeconómicos e ecolóxicos.
A segunda liña de acción céntrase na investigación aplicada e o control biolóxico de avistamentos a través do proxecto Algasdet. Esta iniciativa xorde dun convenio bianual asinado coa Universidade de Santiago de Compostela (USC) por un importe superior aos 203.000 euros no marco da rede Redemar e con financiamento do fondo europeo FEMPA. O proxecto conseguiu completar con éxito o obxectivo de determinar o mellor marcador molecular —o denominado rbcL— para detectar de xeito inequívoco a presenza da Rugulopteryx okamurae mediante ADN ambiental, o que permite diferenciala das especies autóctonas tanto no sedimento coma no intermareal, facilitando un mapa de distribución temperá e a formación dos inspectores e profesionais do mar do Cantábrico e Noroeste.
Esta monitorización científica compleméntase cunha ferramenta pioneira de ciencia cidadá como a Rede de Observadores do Medio Mariño de Galicia (Redogal), que centraliza as notificacións do sector pesqueiro para nutrir unha base de datos pública vinculada á Lista de Especies Mariñas de Galicia (LEMGAL). A responsable autonómica incidiu en que estas ferramentas de vixilancia e os proxectos de investigación non son reactivos, senón que foron deseñados con antelación para anticiparse á expansión natural da especie polas rías e protexer a biodiversidade.
Orzamento e apoio real ao sector
Finalmente, a directora xeral detallou o importante volume de fondos públicos que o Goberno galego puxo a disposición do sector marisqueiro para combater esta ameaza. Deste xeito, a Xunta conta con máis de 1,2 millóns de euros integrados no Plan Marlimpo para paliar as proliferacións recorrentes de algas nas zonas de produción, aos que se suman outros 1,9 millóns de euros destinados especificamente a controlar ou eliminar especies exóticas en hábitats costeiros de importancia reprodutiva.
Ángeles V. Suárez lembrou que o histórico Plan de Recuperación do Marisqueo —dotado con máis de 33 millóns de euros para os anos 2026 e 2027— inclúe dentro das accións financiables dos convenios bilaterais coas confrarías o control de especies exóticas e a retirada de restos nos bancos afectados. Unha estratexia de coxestión que se apoia ademais nun encargo a medio propio de case de 4,3 millóns de euros para proxectos de restauración ecolóxica a tres anos.