Os conselleiros de Facenda e Administración Pública e de Sanidade visitaron as instalacións do centro, acompañados polo director da Representación da Comisión Europea en España, Daniel Calleja y Crespo

O Centro de Protonterapia de Galicia encara a súa recta final coa previsión de atender os primeiros pacientes a finais deste ano ou principios do próximo

Galicia será a primeira comunidade autónoma en ofrecer o tratamento de protonterapia na sanidade pública

Na actualidade estase a completar a instalación e equilibrado do equipo de alta tecnoloxía Proteus ONE, mediante quendas de traballo de 24 horas

O persoal médico, técnico e radiofísico deste novo centro xa foi contratado e está a ampliar a súa formación

Cofinanciado pola Unión Europea, o proxecto conta cun investimento total que supera os 60 millóns de euros entre edificación e equipamento, contando os 28 M€ financiados pola Fundación Amancio Ortega

Santiago de Compostela, 2 de xullo de 2026

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, e o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, visitaron esta tarde o Centro de Protonterapia de Galicia, acompañados polo director da Representación da Comisión Europea en España, Daniel Calleja y Crespo. Durante a visita, puideron supervisar os traballos realizados ata o de agora e os avances que se están a producir nesta nova infraestrutura sanitaria, que xa encara a súa recta final coa previsión de atender os seus primeiros pacientes entre finais deste ano e principios do próximo. Deste xeito, Galicia converterase na primeira comunidade en ofrecer o tratamento de protonterapia na sanidade pública.

As obras da edificación están concluídas. Do mesmo xeito, o persoal da empresa tecnolóxica que se encarga da instalación e calibrado do equipo Proteus ONE, atópase testando os sistemas clave para o funcionamento do centro, como é o caso do ciclotrón (xerador do feixe de protóns), do gantry (o sistema que dirixe o feixe de radiación), ou do brazo robotizado de posicionamento.

Co obxectivo de cumprir os prazos de entrega e aceptación do equipamento, por parte da Xunta e do Ministerio de Sanidade, durante o verán realizaranse quendas de traballo de 24 de horas para acadar o establecido no cronograma, estando fixada a súa entrega para finais do mes de outubro.

Unha vez que teña lugar a  aceptación formal das instalacións, a principios de novembro comezará a fase de “comisionado clínico”, de suma importancia xa que se realizará a calibración final dos equipos, previa ao uso médico, e que vai posibilitar comezar a tratar aos primeiros pacientes entre finais deste ano e principios do próximo 2027.

Profesionais cualificados e centro nacional de referencia

Xunto coas obras do novo Centro de Protonterapia de Galicia e a calibración do seu equipamento, o Executivo galego tamén avanza na incorporación e formación do seu persoal.

Deste xeito o Servizo Galego de Saúde xa incorporou un equipo con catro radiofísicos hospitalarios e tres oncólogos radioterápicos, aos que sumará un cuarto no outono. Ademais, xa se incorporaron os dous primeiros técnicos de radioterapia e está prevista a contratación de entre cinco e sete profesionais máis antes de que termine o ano. Todo o persoal está recibindo formación específica, incluíndo estancias noutros centros de protonterapia de referencia, en España e en Italia. 

Están en marcha varios procesos de compra de material e equipos complementarios (mobiliario, material de calibración ou equipos de imaxe médica) de cara á posta en marcha da nova infraestrutura.

O Centro de Protonterapia de Galicia será de referencia a nivel nacional e atenderá tamén a pacientes procedentes de Castela e León, Asturias e o norte de Portugal, cunha capacidade estimada de 250 persoas ao ano.

O centro estará especialmente enfocado a pacientes oncolóxicos con alta expectativa de supervivencia, prestando atención destacada á poboación infantil.

O investimento total do Centro de Protonterapia de Galicia supera os 60 millóns de euros entre a edificación e o equipamento. Nese orzamento están recollidos os 28 millóns de euros achegados pola Fundación Amancio Ortega á sanidade pública galega no marco do acordo para o impulso da protonterapia en España. As obras do edificio, impulsadas polo Goberno galego, están cofinanciadas con fondos europeos do programa Feder de Galicia 2021-2027.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/07/2026