A Xunta afirma que investir en seguridade industrial é reforzar a competitividade das empresas
A directora xeral de Estratexia industrial e Solo empresarial, Margarita Ardao, participou esta mañá na inauguración de Risk Galicia. Riscos e seguros na empresa
Santiago de Compostela, 3 de xullo de 2026
A directora xeral de Estratexia industrial e Solo empresarial, Margarita Ardao, apuntou esta mañá a necesidade de continuar reforzando a seguridade industrial “porque investir neste ámbito e fomentar a cultura do cumprimento das normas son un piar fundamental para asegurar o futuro e avanzar na solvencia, atracción e competitividade das empresas”.
Ardao participou na inauguración da Risk Galicia. Riscos e seguros na empresa, unha xornada de traballo que se está a desenvolver en Santiago e onde se analizan os riscos que afectan ao tecido produtivo galego e a maneira de xestionalos para minimizar o seu impacto na conta de resultados. Neste senso, insistiu na necesidade da colaboración público-privada “e encontros como este conectan profesionais, administracións e empresas e nos permiten avanzar cara un modelo industrial máis responsable e preparado para os desafíos do futuro”, indicou.
A directora xeral puxo en valor o Consello Galego de Seguridade Industrial, unha canle de comunicación entre a Xunta e os axentes públicos e as entidades privadas, que está articulando medidas para a prevención e a mellora dos riscos nas instalacións industriais. Tamén se referiu ao Plan de medidas en materia de seguridade industrial que está desenvolvendo o Goberno galego, así como as diferentes actuacións que poñen o foco na sensibilización e promoción de boas prácticas e insistiu na necesidade de avanzar na modernización do sector e na protección das persoas, das empresas e do territorio.