A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas deu conta do proxecto de trazado desta nova estrada, cuxa aprobación publica hoxe o Diario Oficial de Galicia

Allegue destaca que a variante de Carballo, na que a Xunta investirá 22 M€, reducirá o tráfico pesado na trama urbana e reforzará a seguridade viaria e a competitividade na contorna

Subliñou o compromiso do Goberno galego co impulso desta estrada, cuxa redacción de proxecto de trazado foi complexa, e explicou que se continuará coa elaboración do proxecto construtivo para logo licitar e executar as obras

A variante terá unha lonxitude de 3,6 quilómetros e funcionará como unha vía convencional, con circulación en ambos sentidos e conexións mediante glorietas

Trátase dunha vía para dar saída directa ao polígono de Carballo cara ás estradas de Ordes e Santiago, evitando a circulación de tráfico pesado pola vila, especialmente nas zonas do instituto Alfredo Brañas, o colexio Fogar e do complexo deportivo

Fixo fincapé en que esta infraestrutura favorecerá a mobilidade da veciñanza e aumentará a seguridade viaria nesta área

Carballo (A Coruña), 3 de xullo de 2026.-

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, presentou hoxe o proxecto de trazado da variante de Carballo, que suporá un investimento autonómico de 22M€ e permitirá reducir o tráfico pesado na trama urbana e reforzar a seguridade viaria e a competitividade na contorna. Nesta presentación tamén estivo a directora da Axencia Galega de Infraestruturas, María Deza.

Allegue subliñou que o Goberno galego sempre mantivo o compromiso co impulso desta estrada, cuxa redacción de proxecto de trazado foi complexa. Explicou que unha vez publicada a aprobación hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG), se continuará coa elaboración do proxecto construtivo para logo licitar e executar as obras.

A variante terá unha lonxitude de 3,6 quilómetros e funcionará como unha vía convencional, con circulación en ambos sentidos e conexións mediante glorietas.

Trátase dunha vía de novo trazado para dar saída directa ao polígono industrial de Carballo cara ás estradas de Ordes e Santiago, evitando a circulación de tráfico pesado pola vila.

A estrada divídese en dous tramos: un primeiro, de 2.850 m de lonxitude entre a AC-552 e a AC-413 e o segundo, de 800 metros entre a AC-413 e a DP-1914.

Entre as estruturas previstas, destacan un viaduto sobre o río Anllóns, dous pasos superiores e un paso inferior ou un marco para o rego Añón.

A nova vía permitirá dar saída directa ao polígono cara ás estradas de Ordes e Santiago, evitando o tráfico pesado pola trama urbana de Carballo. Neste sentido, a conselleira salientou que esta vía contribuirá a calmar o tráfico na vila, especialmente nas zonas do instituto Alfredo Brañas, o colexio infantil e de primaria Fogar e do complexo deportivo.

Ademais indicou que a nova estrada dará un servizo máis directo ao polígono de Bértoa, motor económico desta área.

Fixo fincapé en que se trata dunha infraestrutura para mellorar os desprazamentos das persoas e deseñada tamén para reforzar a seguridade viaria na zona.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/07/2026