O concello de Ribadeo participa este luns na campaña estival ’Un alento de vida’ da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue
Ao redor de 170 concellos recibirán a visita das unidades móbiles da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue co obxectivo de obter 22.000 doazóns no período estival
O municipio lucense acadou no 2025 un índice de 37 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano
Ribadeo (Lugo), 3 de xullo de 2026
O concello de Ribadeo acollerá o luns 6 de xullo a campaña de verán ‘Un alento de vida’ que desenvolve a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS). A unidade móbil estará estacionada ao carón da antiga Oficina de Turismo, en horario das 1030 ás 14:15 e das 16:30 ás 21:00 horas.
O obxectivo desta iniciativa pasa por obter ao redor de 22.000 doazóns de sangue ata finais de agosto e fomentar a participación da cidadanía. Para iso, as unidades móbiles da Axencia visitarán máis de 170 concellos galegos para facilitar o acceso a este xesto solidario.
A Axencia lembra que todos os días do ano son precisas 400 doazóns para garantir o axeitado abastecemento de compoñentes sanguíneos aos nosos hospitais. Esta cifra se mantén nos meses de verán, un período especialmente sensible por mor da deslocalización dos doantes habituais.
Elevada participación
A Axencia quere amosar o seu agradecemento á corporación municipal pola súa implicación e decidido compromiso no desenvolvemento das campañas de doazón de sangue, así como o recoñecemento a todos os veciños e veciñas de Ribadeo que doan sangue.
Neste sentido, lembrar que no pasado 2025, este municipio lucense acadou, con 373 doazóns, unha taxa de 37 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano, índice lixeiramente por baixo da media de Galicia (39/1.000), polo que o obxectivo pasa por tentar incrementar a participación dos veciños e veciñas de Ribadeo para que acaden o índice galego.
Colaboración fundamental
A campaña ‘Un alento de vida’ lembra a importancia de procurar unha oportunidade de curación para moitos enfermos que só poden brindarlle os doantes de sangue que, co seu xesto solidario, contribúen ao posibilitar o tratamento de moitos doentes atendidos no noso sistema público de saúde.
As persoas que participen na campaña de verán recibirán un agasallo como unha almofada ou un balón de praia pola súa participación e, nesta ocasión, ao carón da unidade móbil instalarase un espazo que simula unha típica terraza de verán. Os doantes poderán inflar un globo que pasará a formar parte da escenografía e, deste xeito, simbolizar ese aire que supón para moitos doentes recibir unha transfusión de compoñentes sanguíneos.
Esta iniciativa quere chamar a atención sobre a necesidade de doar aínda que sexa verán e desfrutemos de vacacións, lembrando que as unidades móbiles tamén terán unha importante presenza en municipios de costa e eminentemente vacacionais.
Desde a Axencia convidan a toda a cidadanía a tomar parte nesta nova campaña de doazón, lembrando que pode doar sangue calquera persoa maior de 18 anos, que pese máis de 50 quilos e non padeza nin teña padecido enfermidades transmisibles polo sangue.
Para máis información, ADOS dispón do sitio web: ados.sergas.gal, as redes sociais, e o teléfono gratuíto: 900 100 828, para resolver calquera dúbida relacionada coa doazón de sangue ou coñecer a data dos desprazamentos das unidades móbiles.