A Xunta reparte bolsas reutilizables en Ferrol polo ‘Día internacional libre de bolsas de plástico’
A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, participou na iniciativa no mercado da Magdalena, enmarcada na campaña que leva como lema Na túa compra resta plásticos, suma futuro
En 2025 Galicia alcanzou unha taxa de reciclaxe de plásticos do 57,8%, superando en case 8 puntos o obxectivo do 50% marcado pola normativa estatal e europea
Ferrol, 3 de xullo de 2026
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, xunto á concelleira de Mercados do Concello de Ferrol, Maica García, participou esta mañá no mercado da Magdalena na campaña promovida pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático polo Día internacional libre de bolsas de plástico baixo o lema: Na túa compra resta plásticos, suma futuro.
Alí, repartíronse máis dun centenar de bolsas reutilizables para concienciar á veciñanza sobre a importancia de non usar as de plástico e reducir o consumo deste material. “Ao utilizar bolsas de plástico xeramos residuos que quedarán na terra durante séculos”, explicou Aneiros, que apuntou que o tempo de uso medio dunha bolsa de plástico “é de entre 12 e 20 minutos, o que contrasta cos entre 150 e 500 anos que pode tardar en degradarse”. Ademais da súa lenta degradación, o plástico elabórase con enerxías non renovables, polo que por cada quilogramo que se fabrica deste material desde cero, se emiten 3,5 quilos de CO2 á atmosfera, o que equivale a cargar un teléfono móbil a diario durante máis dun ano ou manter unha lámpada LED de 10W prendida unhas 300 horas.
“Un pequeno cambio, como levar unha bolsa reutilizable, pode representar un importante avance positivo a prol da nosa contorna”, sinalou a delegada, apuntando que o uso destas bolsas fai que aforremos, como mínimo, 144 bolsas de plástico dun só uso por persoa cada ano. Recordou tamén que en 2025 Galicia alcanzou unha taxa de reciclaxe de plásticos do 57,8%, superando en case 8 puntos o obxectivo do 50% marcado pola normativa estatal e europea. Este esforzo na recuperación de plásticos permitiu un aforro enerxético que sobrepasou os 190 millóns de KW. “Por cada botella de plástico que se recicla, aforramos a enerxía necesaria para manter un televisor prendido durante 3 horas”, explicou Martina Aneiros, facendo fincapé na importancia destas accións.
O Goberno galego está a investir actualmente 1,8 M€ nunha Estratexia de sensibilización e formación en reciclaxe dirixida a distintos colectivos. Ademais, son xa 136 as empresas galegas que aplican plans de prevención de envases, logrando un aforro de 4.109 toneladas de materias primas, levando o lema de “restar para sumar” ao tecido industrial galego.