O delegado territorial participou esta mañá nos actos do ‘Día internacional libre de bolsas de plástico’ que a Xunta desenvolve nas Prazas de Abastos das grandes cidades de Galicia

Manuel Pardo fai un chamamento á cidadanía ourensá para reducir o uso das bolsas de plástico e fomentar un consumo máis responsable

Baixo o lema ‘Na túa compra resta plásticos, suma futuro’, o delegado territorial explicou que nas Prazas de Abastos das sete grandes cidades de Galicia se repartirán máis de 1.000 bolsas de tela para “afastarnos da cultura de usar e tirar e facer que o noso día sexa moito máis sostible”

Manuel Pardo lembrou que a Xunta, a través do Plan de Xestión de Residuos Municipais de Galicia, incorporou medidas orientadas á prevención de residuos de envases e á redución do impacto dos produtos de plástico dun só uso, fomentando un consumo máis responsable e a minimización deste tipo de refugallos

Ourense, 3 de xullo de 2026

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, desprazouse esta mañá á Praza de Abastos de Ourense para, baixo o lema Na túa compra resta plásticos, suma futuro, participar nos actos do Día internacional libre de bolsas de plástico, que a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático desenvolve para concienciar sobre a importancia da redución do consumo deste material.

O delegado territorial explicou que nas Prazas de Abastos das sete grandes cidades de Galicia se repartirán máis de 1.000 bolsas de tela para “afastarnos da cultura de usar e tirar e facer que o noso día sexa moito máis sostible”.

Salientou Manuel Pardo que Galicia lidera unha mensaxe firme e positiva baseada na prevención; “reducir o uso de plásticos na orixe é a mellor garantía de futuro”. “Cada decisión de consumo conta. Cada bolsa que evitamos é un paso cara a un sistema máis sólido, máis eficiente e máis independente das flutuacións do mercado”, engadiu.

Segundo os últimos datos de 2025, a nosa comunidade alcanzou unha taxa de reciclaxe de plásticos do 57,8%, superando en case oito puntos o obxectivo do 50% fixado pola normativa estatal e europea.

Este éxito do sistema non só se traduce en volume, senón tamén nun impacto directo na sostibilidade enerxética. O esforzo na recuperación de plásticos (tanto ríxidos como film) permitiu un aforro enerxético superior aos 190 millóns de KWh, o que pon de manifesto a eficiencia de transformar o residuo nun recurso, evitando o consumo masivo de enerxía que esixiría a fabricación de plástico virxe.

Grazas ao compromiso de 136 empresas galegas que xa aplican plans de prevención de envases, logrouse un aforro de 4.109 toneladas de materias primas. Este dato é a proba de que o tecido produtivo galego está aliñado co lema institucional de "restar" para sumar.

O delegado territorial lembrou que a Xunta a través do Plan de xestión de Residuos Municipais de Galicia, incorporou medidas orientadas á prevención de residuos de envases e á redución do impacto dos produtos de plástico dun só uso, fomentando un consumo máis responsable e a minimización deste tipo de refugallos.

O Goberno galego, polo tanto, segue avanzando na súa aposta pola sostibilidade, potenciando unha xestión dos residuos baseada na prevención, a preparación para a reutilización e a reciclaxe, fundamentais para lograr un cambio de mentalidade cara a unha economía circular e unha transición enerxética xusta e ordenada.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/07/2026