A Xunta desprega no mercado do Calvario de Vigo a campaña do Día internacional libre de bolsas de plástico
Ana Ortiz incide na importancia da prevención como clave na xestión destes residuos porque diminuír o uso de plásticos en orixe é a mellor garantía de futuro
Vigo, 3 de xullo de 2026
A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, visitou este venres o mercado municipal do barrio vigués de O Calvario con motivo do Día internacional libre de bolsas de plásticos e incidiu na importancia da prevención como clave na xestión destes residuos.
Na xornada de hoxe estase a levar a cabo en sete prazas de abastos da comunidade -incluída a de Vigo na que participou a delegada- a campaña Na túa compra resta plásticos, suma futuro, que consiste no reparto de máis de 1.000 bolsas de tea para concienciar á cidadanía sobre a necesidade de reducir o consumo de plásticos xa que unha bolsa deste material, que ten un tempo de uso medio de entre 12 e 20 minutos, pode tardar entre 150 e 200 anos en degradarse.
A delegada explicou que, ademais do tempo de degradación, o plástico ten outro problema asociado que é o uso de enerxías non renovables para a súa elaboración. Así, máis do 90% dos plásticos do mundo prodúcense a partir de combustibles fósiles. En concreto, recuperar dúas toneladas de plástico equivale a aforrar unha tonelada de petróleo.
Nese senso, apelou ao compromiso ambiental do tecido produtivo e sinalou que 136 empresas galegas xa aplican plans de prevención de envases, o que permitiu un aforro de 4.109 toneladas de materias primas.