A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático visitou hoxe as instalacións de Celega no concello do Saviñao
A Xunta anima ao tecido industrial galego a apostar pola economía circular e a eficiencia enerxética para avanzar cara a modelos produtivos autosuficientes
Ángeles Vázquez pon á empresa láctea lucense como exemplo representativo do tipo de industria agroalimentaria que necesita Galicia, baseada na innovación, na competitividade, no compromiso coa sostibilidade e na calidade dos produtos
A Consellería vén de aprobar unha modificación da autorización ambiental integrada da planta para a mellora da eficiencia enerxética da pasteurización, a monitorización dos consumos e a recuperación e reutilización da auga nos procesos produtivos
Tras lembrar que a Alianza Galega polo Clima ten xa máis de 260 entidades e empresas adheridas, Ángeles Vázquez insta a sumar novas incorporacións a esta iniciativa para fomentar as sinerxías público-privadas en materia de acción climática
O Saviñao (Lugo), 3 de xullo de 2026
A Xunta de Galicia anima ao tecido industrial da Comunidade a seguir apostando pola introdución da economía circular e a mellora da eficiencia enerxética nos seus procesos produtivos co obxectivo de avanzar cara a modelos de funcionamento cada vez máis sostibles e autosuficientes.
Así o destacou hoxe a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, durante unha visita á planta de transformación industrial de leite de Celega no Saviñao na que puido coñecer de primeira man o esforzo realizado nos últimos anos pola empresa para transformar e optimizar os seus procesos produtivos ata converterse nun referente ambiental e económico dentro do sector.
De feito, considerou que a empresa lucense é un caso representativo do tipo de industria agroalimentaria que necesita Galicia, xa que aposta por modelos baseados na innovación, investigación e desenvolvemento, na competitividade industrial, no compromiso coa sostibilidade e na calidade dos produtos.
A modo de exemplo, Ángeles Vázquez referiuse ás cifras máis relevantes nas que se traduciu a transformación experimentada por Celega, que hoxe produce cunha planta de biogás propia o 100% do gas que consume, xera arredor do 30% da electricidade que utiliza, reduciu nun 75% os residuos plásticos contaminados, diminuíu nun 80% os lodos xerados e, en xeral, baixou os consumos de auga, enerxía e produtos químicos, ademais de recibir varias certificacións oficiais en recoñecemento do seu compromiso ambiental.
En todo caso, incidiu en que Celega segue apostando pola mellora das súas instalacións e, como mostra, referiuse á última modificación da autorización ambiental integrada da planta, autorizada este mes pola Consellería, e que ten como fin, precisamente, mellorar a eficiencia enerxética da pasteurización do leite, monitorizar os consumos e recuperar auga para a súa reutilización nos propios procesos produtivos.
Así mesmo, a conselleira puxo en valor a implicación demostrada nos últimos anos polo tecido empresarial galego para contribuír a que o conxunto da Comunidade avance desde o punto de vista da sostibilidade e da resiliencia fronte aos efectos do quecemento global.
Ao respecto, lembrou que a Xunta puxo en marcha no seu día a Alianza Galega polo Clima (da que tamén forma parte Celega) co fin de fomentar a colaboración entre organismos públicos e privados neste eido. A día de hoxe xa son máis de 260 as entidades e empresas adheridas, unha cifra que demostra o éxito desta iniciativa.
Por iso, Ángeles Vázquez instou a seguir sumando novas incorporacións para fomentar as sinerxías público-privadas en materia de acción climática en Galicia e comprometeuse a seguir apoiando desde o seu departamento a aquelas empresas que aposten pola innovación, a economía circular e acción climática como elementos claves para garantir unha industria máis moderna, resiliente e mellor preparada para os retos de futuro.