A Xunta licita por 192.874 € a compra de equipamento electromédico para o Centro de Protonterapia de Galicia
O material adquirido contribuirá á calibración do equipos da nova infraestrutura sanitaria e garantirá a seguridade nos tratamentos dos pacientes
As empresas interesadas neste contrato teñen de prazo ata o 20 de xullo para presentar as súas ofertas
Galicia será, entre finais deste ano e comezos de 2027, a primeira comunidade autónoma en ofrecer tratamentos de protonterapia na sanidade pública
Na actualidade estase a completar a instalación e equilibrado do equipo de alta tecnoloxía Proteus ONE, mediante quendas de traballo de 24 horas
O persoal médico, técnico e radiofísico deste novo centro xa foi contratado e está a ampliar a súa formación
Cofinanciado pola Unión Europea, o proxecto conta cun investimento total que supera os 60 millóns de euros entre edificación e equipamento, contando os 28 M€ financiados pola Fundación Amancio Ortega
Santiago de Compostela, 3 de xullo de 2026
O Portal de Contratos Públicos de Galicia publica, na súa edición de hoxe, a licitación, por un importe de 192.874 euros, da compra de equipamento electromédico para o novo Centro de Protonterapia de Galicia.
O procedemento responde á necesidade de adquirir un manequín de densidades electrónicas e multienerxía e un fantoma de auga 3D. Este último é un modelo físico ou simulador deseñado para imitar as propiedades e características do corpo humano.
Este equipamento ten por finalidade contribuír á calibración dos equipos da nova infraestrutura e para garantir a seguridade no tratamento aos pacientes.
As empresas interesadas neste contrato teñen de prazo ata o 20 de xullo para presentar as súas ofertas.
Actualmente, o proceso encamiñado á posta en servizo do Centro de Protonterapia de Galicia avanza segundo o previsto. Así, as obras de edificación xa están concluídas e a Xunta segue a traballar na calibración do seu equipamento e na formación do persoal necesario.
O persoal da empresa tecnolóxica responsable da fabricación, instalación e calibrado do equipo Proteus ONE atópase testando os sistemas clave para o funcionamento do centro, como é o caso do ciclotrón (xerador do feixe de protóns), do gantry (o sistema que dirixe o feixe de radiación), ou do brazo robotizado de posicionamento.
Durante o verán realizaranse quendas de traballo de 24 de horas para acadar os prazos establecidos no cronograma, estando fixada a súa entrega para finais do mes de outubro.
Unha vez que teña lugar a aceptación formal das instalacións, a principios de novembro comezará a fase de “comisionado clínico”, de suma importancia xa que se realizará a calibración final dos equipos, previa ao uso médico, e que vai posibilitar comezar a tratar aos primeiros pacientes entre finais deste ano e principios do próximo 2027.
Galicia será a primeira comunidade autónoma en ofrecer tratamento con protonterapia na sanidade pública. A nova infraestrutura sanitaria será un referente a nivel estatal e atenderá tamén a pacientes procedentes de Castela e León, Asturias e do norte de Portugal, cunha capacidade estimada de 250 persoas ao ano.
O centro estará especialmente enfocado a pacientes oncolóxicos con alta expectativa de supervivencia, prestando atención destacada á poboación infantil.
O investimento total do Centro de Protonterapia de Galicia supera os 60 millóns de euros entre a edificación e o equipamento. Nese orzamento están recollidos os 28 millóns de euros achegados pola Fundación Amancio Ortega á sanidade pública galega no marco do acordo para o impulso da protonterapia en España. As obras do edificio, impulsadas polo Goberno galego, están cofinanciadas con fondos europeos do programa Feder de Galicia 2021-2027.